O Campo da Festa de San Bartolomé acolleu a celebración da XVI Tasca do Liño
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou na inauguración da XVI edición da Tasca do Liño “os oficios tradicionais e o papel da muller no rural. O traballo da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomé de Insua, presidida por Lourdes Otero, permite vernos aquí un ano máis”, engadiu Rouco, “unha xornada de celebración e tamén de reivindicación dun labor fundamental para a conservación e a difusión dun oficio tradicional como é o do liño, que forma parte da nosa historia como mulleres e como vilalbesas".
Ademais, dixo que "é un encontro coa tradición e coa historia, pero tamén unha oportunidade de proxectar no futuro este oficio grazas ao labor de conservación e posta en valor que desenvolvedes as mulleres da asociación”, afirmou a alcaldesa.
"Gústame tamén recordar, como xa fixen o ano pasado, que o traballo co liño é moi importante porque o fan as mulleres, e temos que deixar fóra do esquecemento os traballos que viñan facendo as mulleres; un esquecemento inxusto que durante demasiado tempo invisibilizou a aportación histórica das mulleres en todos os eidos da vida”, engadiu.
Nesta ocasión, a pregoeira da Tasca do Liño foi Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudios Chairegos. O programa da xornada inclúe a demostración dos traballos da tasca do liño, e dúas presentación do zoqueiro chairego, Álvaro Pin, e de Tony e Lauren, os propietarios de New Horizons, unha granxa de alpacas localizada en Lanzós. Posteriormente comida popular, actuacións musicais, degustación do ‘cacho’ e o conxuro da queimada que pechará a cita pola noite.
A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou na XVI Tasca do Liño que se celebrou no Campo da Festa de San Bartolomé de Insua coa colaboración de 2.000 euros da Deputación de Lugo.
Durante a súa intervención, Carmela López felicitou á asociación vilalbesa polo seu traballo na consolidación desta cita, que, tras 16 anos, xa se converteu nun referente na comarca da Terra Chá e en toda a provincia de Lugo. Destacou que “a Tasca do Liño promove a recuperación das tradicións e da historia do rural, transmitindo a riqueza dunha práctica onde do liño se extrae o fío para a confección de vestimenta e utensilios domésticos, un traballo que combina esforzo e socialización”.
A deputada destacou que o evento visibiliza a historia téxtil da Chaira, dignificando este oficio grazas ao labor das mulleres da Insua. “O liño simboliza a forza, a dedicación e a sabedoría das mulleres que, durante xeracións, o traballaron nas súas casas e campos. Rendemos homenaxe a todas aquelas que contribuíron a tecer a historia de San Bartolomeu. O seu labor foi fundamental para a economía local e a transmisión de valores e tradicións que nos definen como comunidade”, sinalou.
A docente e historiadora Marisa Barreiro foi a encargada de pregoar a cita, que incluíu obradoiros de artesanía, actuacións musicais e demostracións da Tasca de Liño. A xornada rematou co conxuro da queimada a cargo do Meigo do Lume.