O campo de herba artificial Evaristo Puentes das Pontes estrea a bancada cuberta

TerraChaXa
Sitúase no lateral noroeste do campo, centrada na metade do mesmo e ocupando o espazo libre existente entre o campo e o peche vexetal
bancada-cuberta-evaristo-puentes-as-pontes
22 Out 2024

O Concello das Pontes estreou esta fin de semana a bancada cuberta do campo de herba artificial Evaristo Puentes, situado no Poboado das Veigas.

O proxecto, cun orzamento de 97.913 euros, con cargo a fondos municipais, dá resposta á demanda dos clubs deportivos da vila que empregan esta instalación, así como dos espectadores que, cada fin de semana, se achegan ata o campo Evaristo Puentes para gozar de diferentes competicións deportivas e que, desde esta fin de semana, poderá ver os partidos sen sufrir as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas, dunha forma cómoda e axeitada.

Esta nova infraestrutura, recentemente finalizada, pon en valor unha instalación que é empregada de xeito habitual por preto de 500 deportistas da vila entre os que se atopan case 300 nenos e nenas do Club Deportivo As Pontes, os diferentes equipos que integran a liga local de fútbol de veteranos e o club de Rugby Fendetestas con preto de 90 deportistas federados en diferentes categorías.

A bancada sitúase no lateral noroeste do campo, centrada na metade do mesmo e ocupando o espazo libre existente entre o campo e o peche vexetal que separa as instalacións deportivas da Ronda do Poboado. A superficie construída da cuberta da bancada é de 142,50 m2 e a bancada disporá de 7 pórticos metálicos con protección con galvanizado en quente, que ocupa 30 metros de lonxitude e 4,75 metros de ancho, albergando a 168 persoas en asentos sen respaldo fabricados en PVC.

Ademais a bancada cubre tamén os dous metros de ancho de beirarrúa existente que separa a bancada do campo de xogo, ofrecendo maior protección aos espectadores que acoden ao campo a gozar das competicións deportivas así como aos diferentes clubs que fan uso desta instalación.

0.039646863937378