O campo de Mosteiro quedouse pequeno para acoller os 91 palanadores da terceira xornada de billarda
Mosteiro acolleu a terceira xornada da LNB NorLeste de billarda con triunfo para os Carabullo. Malia que contaban con facelo, os organizadores da cita billardeira non puideron finalmente acceder aos dous campos de fútbol pero si celebraron a sesión no campo adxunto que se quedou pequeno para acoller aos noventa e un palanadores que se deron cita nesta ocasión.
A afluenza de xente obrigou a axeitar só tres pistas e reducir os oito grupos habituais a seis ( moito mais numerosos, de quince e dezaseis palanadores cada un deles).
Foron 63 homes, 18 donas e 10 cativos menores de catorce anos os que deportivamente loitaron de igual a igual nun terreo humedecido e coa herba abondo esponxosa, sendo os da Pontenova os que máis palanadores presentaron así como o maior número de cativos (23 maiores e 6 cativos).
Comenzamos con puntualidade prevendo que a xornada se ía alongar, e así foi, mais disfrutaron dun día agradable e soleado onde as novas incorporacións se van afacendo á mecánica do xogo.
Non houbo grandes puntuacións. Cada un dos tres equipos do podio colocou a un dos seus xogadores no mismo posto individual. Charli e o seu equipo Carabullo foron os gañadores. Sachas e Troitas Bravas segundos e Gundar e Madia Leva terceiros (se ben estes derradeiros empatados a puntos cos Billardeiros Musicais).
En donas, Billardeiros Musicais copou o podio con Aroa, Geni e Dori (esta compartindo posto con Juncal de Castiñeiro Milenario).
En infantís, Mateu de Madia Leva vai con paso firme afianzándose no primeiro posto, desta volta escoltárono Alba e Antía, as dúas de Troitas Bravas. Diego, un habitual no podio infantil, non estivo moi acertado.
Aínda que a tempada vén de comezar, os habituais van xa copando os primeiros postos da clasificación xeral, na que aparece tamén algún dos novos valores como Gundar, Aroa e algún outro que veñen mostrando unha moi boa progresión no seu xogo.
O terreo non estaba para moitas florituras e non se rexistrou ningún varado na xornada.
Recibiron uns vistosos e artesanais agasallos os tres primeiros tanto en absoluto como en infantís e tamén o primeiro equipo clasificado.
As clasificacións logo desta xornada quedan deste xeito:
Individual:
- Charli (Carabullo) 62 p
- Manu Caldeiro (Bilarda Verde) 61 p
- Gundar (Madia Leva) 59 p
- Daniel (Bill.Musicais) e Sachas (Troitas Bravas) 57 p
Donas:
- Aroa (Bill.Musicais) 52 p
- Geni (Bill.Musicais) 34 p
- Ana (Madia Leva) 26 p
Equipos:
- Carabullo de Ponte de Outeiro 233 p
- Troitas Bravas de A Pontenova 229 p.
- Billardeiros Musicais de Ribadeo 228 p
Infantís:
- Mateu (Madia Leva) 39 p
- Diego (Madia Leva) 33 p
- Àlba e Antia (Troitas Bravas) 12 P
A seguinte xornada vémonos en Lugo o domingo 13 de novembro.