O Campus Terra reivindica o valor das linguas na divulgación científica no Día Internacional da Lingua Materna

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela conmemorou o Día Internacional da Lingua Materna baixo o lema ‘As linguas importan’ co acto ‘Contar a ciencia desde nós’, que tivo como idea principal que as linguas constitúen moito máis ca unha ferramenta de comunicación, xa que resultan esenciais para a identidade, a aprendizaxe, o benestar e a participación social.
A iniciativa puxo o foco na necesidade de contar con sistemas educativos que formen en ciencia nas linguas maternas, tanto no ámbito académico como nos espazos de divulgación, ao tempo que serviu para recoñecer o talento comunicador da mocidade que no futuro dará o salto á universidade.
A xornada incluíu a entrega dos premios do certame ‘Petiscos de ciencia’, dirixido a alumnado de ensino secundario de Galicia e centrado na elaboración de vídeos de divulgación científica.
O acto, presidido pola decana Asteria Luzardo, distinguiu cinco traballos. O primeiro premio, dotado con 250 euros, recaeu en ‘Ciencia que soa’, presentado polo IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos. O segundo galardón, de 150 euros, foi para ‘Por que se separan Galicia e Nova York?’, do IES Pazo da Mercé das Neves, centro que tamén obtivo o terceiro premio, valorado en 100 euros, polo vídeo ‘Como se xeran os terremotos?’. O cuarto recoñecemento, de 50 euros, foi para ‘Principio de Pascal e Principio de Arquímedes’, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, mentres que o quinto premio, tamén de 50 euros, distinguiu ‘ADN á vista’, remitido polo IES Maximino Romero de Lema de Zas.
A celebración completouse coa intervención de Patricia González Cabaleiro, integrante do grupo GeoTech da Universidade de Vigo, que presentou o monólogo ‘Podería dicir que son’, co que vén de gañar a primeira edición do certame Gargallada científica. Tamén participou o narrador Carlos Rebolo, membro do colectivo NOGA, que ofreceu a intervención ‘As cousas non sempre son o que parecen’, engadindo unha dimensión literaria e reflexiva á xornada.
Con esta actividade, o Campus Terra reafirmou o seu compromiso coa promoción do galego como lingua de ciencia e coa divulgación de coñecemento desde unha perspectiva que sitúa as linguas no centro do desenvolvemento educativo e social.