O candidato de Foz polo PP aclara que quería participar no debate organizado polo Ies de Foz

TerraChaXa | AMariñaXa
O candidato á reelección como alcalde focense polo Partido Popular, Javier Jorge Castiñeira, aclara que quería participar no debate organizado polo IES de Foz, como xa fixo noutras moitas ocasións en actos deste tipo.
20 Maio 2019

O candidato á reelección como alcalde focense polo Partido Popular, Javier Jorge Castiñeira, aclara que quería participar no debate organizado polo IES de Foz, como xa fixo noutras moitas ocasións en actos deste tipo. Ademais segue disposto a estar en calquera debate que se organice.
Javier Castiñeira explica: “fun o primeiro sorprendido cando hoxe á maña o director do IES me anunciou que desde a inspección educativa non lle autorizan realizar o debate electoral previsto para as 12 do mediodía no instituto, no que eu tiña comprometido participar co resto de candidatos. Esta decisión de suspender o debate respéctoa, pero que non a comparto, especialmente cando xa estaba organizado”.
Ademais o cabeza de lista dos populares focenses recorda: “nunca me neguei a facer nin un só debate e son o candidato dos actuais que en máis debates electorais participou, incluso moitos deles tensos e con rivais de máis experiencia e traxectoria política ca os actuais, como o señor Rivera, o señor Cancio ou mesmo o señor Basanta, xa desaparecido, saíndo en todos brillantemente ben parado”.
A Castiñeira parécelle “lamentable que certos partidos aproveiten esta circunstancia allea totalmente ao Partido Popular para culparnos directamente da supresión cando nós fomos os primeiros que aceptamos dito debate e estaríamos encantados de mostrar os numerosos argumentos adquiridos nestes últimos 4 anos en prol da xuventude e a educación no noso pobo”.
E Javier Castiñeira remata manifestando: “sigo aberto a participar en calquera debate electoral e lamento a baixeza dalgún dos grupos políticos para con elo tentar sacar algún rendemento político, utilizando falsidades sobre este asunto, porque o debate foi desautorizado pola inspección educativa polas razóns que estimaran oportunas e que, repito, respecto pero non comparto”.

0.15414500236511