O candidato do PP á alcaldía de Guitiriz defende “servizos de calidade para o rural"
O candidato do PP á alcaldía de Guitiriz, José Manuel López ‘Portolamas’, abordou co responsable de Sanidade no Goberno galego, Julio García Comesaña, durante unha visita á localidade nesta semana a situación sanitaria do municipio. Nese sentido, logrou o seu compromiso de manter os dous centros de saúde (Guitiriz e Parga) e máis o PAC ratificando “as políticas do Partido Popular en apoio e defensa de servizos de calidade para o rural”.
Igualmente, o responsable autonómico comprometeuse a cubrir en poucas semanas a praza do médico de familia que pediu cambio de destino de forma que “contaremos con dous médicos en Guitiriz e dous en Parga”. Así mesmo, os populares explican que “se reforzará o servizo de enfermería”.
Precisamente, nese ámbito, o titular de Sanidade lembrou que “recentemente se incorporou un equipo de enfermería de atención a domicilio que presta servizos na zona de Guitiriz, Vilalba, Friol e Outeiro de Rei”. E tamén se incrementaron os servizos no centro de saúde de Guitiriz cun nutricionista para atender a persoas con problemas de obesidade, colesterol alto, diabetes ou hipertensión. O conselleiro lembrou tamén que “nos comprometéramos á reapertura do consultorio de Parga e así foi”.
García Comesaña trasladou o seu apoio a Portolamas, que “velará pola prestación de servizos aos guitiricenses” e lamentou que “o partido da alcaldesa, o PSOE, vote en contra das medidas que posibilitan a incorporación de máis médicos”.
“Faltan médicos en toda España. Galicia pediu formar máis médicos. Incluso se lograra un pacto co Goberno presidido por Rajoy e con outras comunidades gobernadas polo PSOE, pero coa moción de censura -e tras cinco ministros de Sanidade- o Goberno continúa sen deixar formar máis médicos”, explicou.
García Comesaña tamén engadiu que “o Partido Popular levou ao Congreso un manifesto que apoiaron forzas nacionalistas doutras comunidades, pero PSOE e BNG votaron en contra; igual que no Parlamento de Galicia á lei para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura, que permite a selección e contratación de médicos por concurso de méritos”.