O candidato popular á alcaldía de Ribadeo denuncia o abandono da Casa da Ría

TerraChaXa | AMariñaXa
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia o absoluto abandono no que se atopa a Casa da Ría, inmoble municipal situado na área recreativa de Santa Cruz que está sen actividade desde hai anos, e propón convertela nun centro de educación ambiental.
27 Mar 2019

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia o absoluto abandono no que se atopa a Casa da Ría, inmoble municipal situado na área recreativa de Santa Cruz que está sen actividade desde hai anos, e propón convertela nun centro de educación ambiental.

Daniel Vega explica que “na Casa da Ría chove dentro igual que nunha cesta rota. Esta frase foi pronunciada polo ex concelleiro Horacio Cupeiro e acredita unha realidade: doce anos de abandono, doce anos sen proxecto para a Casa da Ría. O señor Suárez deulle as costas á política de educación ambiental porque a Casa da Ría foi construída na etapa do Partido Popular e tiña unha vocación, a defensa e o traballo sistemático pola educación ambiental. As visitas dos colexios e do alumnado das universidades e tamén volver a esa época onde o profesorado viña á Casa da Ría a formarse en educación ambiental con cursos homologados pola Consellería de Educación é traballar, isto é defender un edificio municipal que foi construído con diñeiro público”.

Vega engade que “abandonar outro edificio municipal é faltarlle ao respecto aos ribadenses porque foi construído con diñeiro público. Polo tanto o señor Suárez demostra un desprezo sistematicamente polos ribadenses, porque non se pode permitir que un edificio que foi construído con diñeiro público estea hoxe abandonado. Nós imos volver a utilizar ese telescopio que nos permite acoller observacións astronómicas. Isto é ter uns obxectivos claros, ter gañas de traballar e ter unha vocación de servizo claro. Polo tanto dende o Partido Popular dicimos con claridade que imos pasar dun abandono da Casa da Ría a volver poñer de manifesto que é unha das máis importantes da provincia de Lugo e volver defender a educación ambiental desde a Casa da Ría”.

0.17637300491333