O candidato socialista Daniel Irimia anuncia "unha nova etapa para Cospeito"
O alcaldable do PSdeG marca como prioridades os servizos públicos de calidade, medidas para revitalizar o rural, para favorecer a conciliación, ampliar o SAF, apoiar ás persoas maiores, sacar adiante o PXOM, poñer en marcha o polígono ou dinamizar a vida social, cultural e deportiva de Cospeito.
A Agrupación Socialista de Cospeito presentou este venres a candidatura coa que concorre ás eleccións municipais do 28 de maio, encabezada por Daniel Irimia Yáñez. Un acto que acolleu a Casa da Cultura de Feira do Monte, e que contou coa presenza do voceiro do PSOE no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, a Deputada no Congreso dos Deputados, Ana Prieto, a Deputada no Parlamento de Galicia, Patricia Otero e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, entre outros alcaldes e alcaldesas, candidatos e candidatas, militantes e simpatizantes, ademais de veciños e veciñas do municipio e da Chaira.
Irimia avanzou nas súas palabras que “abro unha nova etapa para Cospeito. Unha etapa con obxectivos concretos, firmes e alcanzables, feminista, colaborativa e pragmática”. “Unha etapa esperanzadora, sabendo que a esperanza radica na vontade e no compromiso político firme cos veciños e veciñas de Cospeito, cos nosos maiores que nos deron todo e coa xuventude, que é o presente”, afirmou.
“Din un paso adiante porque creo que as cousas se poden facer mellor, doutra forma máis seria e responsable”, manifestou ante as ducias de veciños e veciñas que asistiron ao mitin. “O 28 de maio temos a oportunidade de cambiar o noso mundo, o máis pequeno, o mellor, o que nos salva”, dixo o candidato.
Tanto a alcaldesa de Guitiriz, como o Voceiro socialista no Parlamento, que interviñeron no acto celebrado esta tarde, puxeron en valor a capacidade do PSdeG para a renovación e atraer talento que representa a incorporación ao proxecto socialista de Daniel Irimia como candidato, “unha persoa moza moi preparada, con moitas ganas de traballar, con vocación de servizo público e que trae novas ideas para que Cospeito volva a ser o que foi, para mellorar o día a día dos veciños e veciñas, tratándoos a todos por igual, para que teñan mellores condicións de vida e se sintan orgullosos do seu municipio”, asegurou Marisol Morandeira, “como sempre facemos os socialistas onde gobernamos”.
O candidato a alcalde sitúa precisamente entre os seus principais propósitos os servizos públicos de calidade, poñendo o foco na mellora da rede viaria municipal, a renovación das beirarrúas de Feira do Monte, completar o abastecemento de augas da traída e crear depósitos especiais para os plásticos e residuos de orixe agrícola.
Daniel Irimia tamén explicou diferentes medidas para revitalizar o rural, como a creación dunha Feira Degustación da Caza e a Pesca ou o impulso de Cantos de Taberna, ao tempo que apostará por recuperar a plena actividade nas Casas da Cultura da Feira do Monte e de Muimenta cunha programación cultural semanal.
Servizos sociais e conciliación
Durante o acto de presentación, o socialista detallou a importancia que ten para o seu equipo a mellora dos servizos sociais. Nese sentido, Irimia aposta pola creación dun programa de Madrugadores e de Tardes para contribuír á conciliación laboral, ademais de impulsar os campamentos de verán e as actividades extraescolares, e a creación dun bono á natalidade de 500€ para aqueles bebés nacidos e empadroados en Cospeito.
Con respecto ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) anunciou a ampliación da prestación para atender a alta demanda e a lista de espera que ten hoxe en día. Tamén dixo que, se gaña as eleccións, “crearemos un servizo de atención personalizada e periódica para as persoas que vivan soas e para os fogares con poucos recursos”, indicou.
Irimia foi crítico co anuncio da construción dunha residencia de maiores na Feira do Monte, cando “en ningún documento oficial aparece a compra dos terreos”, polo que “cando o Partido Popular atiza ao lume aquí en Cospeito é para sacarlle as castañas do fogo a quen todos sabemos, e pasadas as eleccións... soamente temos fume e frío”.
PXOM e polígono industrial
Daniel Irimia pronunciouse claro ao referirse á situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). “Nunca existiu vontade por parte do Goberno anterior de sacalo adiante. Nós queremos que se aclare que se vai facer coas alegacións e estamos convencidos de contratar outra empresa para realizar o proxecto e darlle a celeridade suficiente”.
En relación ao polígono industrial, o socialista leu o convenio asinado entre o Concello e a Deputación e sinalou que a institución provincial “cumpriu, pero ata que o Concello non dote de servizos de auga, alcantarillado, rede de pluviais e demais servizos básicos, as empresas non se van poder asentar aquí”.
Por outro lado, incidiu na creación dun bono social dedicado ao alugueiro de vivendas, ademais de construír un barrio biosaudable en Feira do Monte.
Cultura, deporte e oportunidades
O socialista aposta por dinamizar a vida cultural, deportiva e social de Cospeito. “Crearemos un complexo deportivo no Campo Municipal e apoiaremos sen fisuras ao deporte de base, especialmente ao feminino”, indicou no mitin, ao tempo que anunciou a creación de rutas de sendeirismo e a posta en valor dos recursos naturais e culturais, como a Lagoa de Cospeito, a Torre da Caldaloba ou os elementos do conxunto etnográfico do municipio.