O Castiñeiro Milenario acolle a novena edición do seu ciclo de teatro con dúas propostas

TerraChaXa
A primeira cita será o 27 de setembro, ás 19:30 horas, no local da Asociación Veciñal do Castro, e estará protagonizada pola compañía Curuxán coa obra 'Comedia en seis actos'
ciclo-de-teatro-castineiro-milenario
26 Sep 2025

O Concello de Begonte presentou a novena edición do ciclo de teatro do Castiñeiro Milenario, que este ano contará con dúas representacións pertencentes ao Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A primeira cita será o 27 de setembro, ás 19:30 horas, no local da Asociación Veciñal do Castro, e estará protagonizada pola compañía Curuxán coa obra Comedia en seis actos. Esta asociación cultural, con dez anos de traxectoria, combina o teatro de improvisación coa formación audiovisual e a creación de curtametraxes, sendo habitual en escenarios como o Clavicémbalo de Lugo, colexios e centros sociais. A peza propón unha reflexión sobre a vida dividida en actos e xoga coas fronteiras entre comedia e traxedia, nun espectáculo participativo no que o público pode modificar a trama. A representación está recomendada para maiores de 14 anos.

A segunda xornada terá lugar o 8 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Begonte, coa compañía Hipócrita Teatro e a obra Casting. Fundada en Lugo en 2004, Hipócrita Teatro leva máis de vinte montaxes de mediano e gran formato, moitas de autoría propia, ademais de espectáculos de rúa, performances e radioteatro. Casting, recoñecida con premios á mellor montaxe e interpretación en varias mostras de teatro amador, é unha comedia aceda protagonizada por tres estereotipos femininos creados polo Hollywood do século pasado: Mirna Lois, diva dos anos 50; Norma Lee, actriz de cine erótico; e Úrsula Cimarrón, unha moza inxenua que aspira a triunfar. As tres compiten nun casting por un único papel e, atrapadas nos seus personaxes, chegarán ao límite do ridículo para cumprir coas expectativas dun despiadado produtor. A función está dirixida a público adulto.

Con estas dúas propostas, o ciclo do Castiñeiro Milenario reafirma o seu compromiso coa promoción do teatro afeccionado e a dinamización cultural da comarca, ofrecendo ao público experiencias escénicas variadas e de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.090973854064941