O Castro de Viladonga contará cun mellor acceso á muralla e novas escavacións

TerraChaXa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitou as obras para a posta en valor do sector nordeste do castro de Viladonga e o acondicionamento do paseo superior da súa muralla principal.
6 Mar 2018

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitou as obras para a posta en valor do sector nordeste do castro de Viladonga e o acondicionamento do paseo superior da súa muralla principal. A intervención conta con 220.000 euros de orzamento e pretende actuar sobre unha área de 1.250 metros cadrados, dos cales 100 metros cadrados son de nova escavación. Ademais da consolidación das estruturas -tanto as que poidan aparecer como as xa coñecidas-, o proxecto prevé mellorar a accesibilidade e a visita pola muralla principal do castro así como a posta en valor do foso.

O obxectivo destas actuacións é mellorar a experiencia dos visitantes, que terán unha visión máis clara do foso e do castro. O prazo máximo de execución destes traballos será de oito meses.

O acondicionamento do paseo superior da muralla do castro inclúe a colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente e dunha varanda acorde co entorno, ademais da regularización e compactación do camiño para aportar unha maior seguridade.

Igualmente, o proxecto contempla o acondicionamento e posta en valor do corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que se permita a visualización por parte dos visitantes dos diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso.

Ademais, executaranse as ramplas necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro do itinerario de visita do castro, e instalaranse nalgúns puntos varandas de madeira para maior seguridade dos visitantes.

 

O proxecto ten por obxecto investigar, documentar, escavar, consolidar e acondicionar unha serie de espazos e estruturas arqueolóxicas situadas no sector Nordeste do Castro de Viladonga, ademais do paseo superior da muralla principal; implica a limpeza e consolidación dos muros, pavimentos e outras estruturas.

Con carácter previo á intervención arqueolóxica, realizarase a roza e limpeza do xacemento, para posteriormente levar a cabo a escavación arqueolóxica -ou reescavación, onde sexa o caso-, que permita ter a información necesaria para levar a cabo os traballos de acondicionamento e consolidación.

Os labores de roza e limpeza serán manuais nas zonas de estruturas arqueolóxicas e mecánica no resto da área, con retirada de vexetación, de aproximadamente 1,8 hectáreas. Tendo en conta o rápido crecemento natural da vexetación, executaranse dúas rozas na croa e antecastro, incluíndo as murallas, parapetos e fosos: unha con carácter previo á intervención e outra ao remate do prazo de execución do contrato.

0.19893407821655