O Castro FSF cóase por terceiro ano nos cuartos de final da Copa da Raíña

O Castro FSF Bloques Cando selou a súa clasificación para a fase final da Copa da Raíña de fútbol sala feminino por terceira tempada consecutiva, tras superar por 1-2 ao Guadalcacín na súa pista, en Cádiz, no encontro correspondente aos oitavos de final, unha eliminatoria resolta a partido único disputado este mércores.
O conxunto dirixido por Julio Delgado abriu o marcador nos instantes finais da primeira metade cun gol de Patri Ortega, aproveitando un bo momento das chairegas. Porén, antes de chegar ao descanso, o equipo andaluz conseguiu restablecer a igualdade cun tanto de Gleice Serpa.
Na segunda parte, o Castro Bloques Cando recuperou a vantaxe grazas a Dani Sousa, autora do gol que acabou sendo decisivo para o desenlace do encontro e que confirmou o pase do equipo lucense á seguinte rolda da competición.
Con esta son dúas as eliminatorias que disputou o equipo chairego para coarse nos cuartos de final, xa que na primeira xa non estivo e entrou directamente á segunda, celebrada a finais de setembro. Neste duelo derrotou ao Hospitalet por un avultado 0-9 a domicilio. Nesta ocasión a vitoria, tamén a domicilio, foi máis difícil pero coloca ao equipo da provincia entre os mellores unha vez máis.
A fase final disputarase a ponte do 1 de maio en tres xornadas sucesivas, de cuartos, semifinais e final.