O CD As Pontes inicia unha nova etapa con Joaquín Breijo á fronte do primeiro equipo

O Club Deportivo As Pontes viviu esta semana unha transición no banco do seu primeiro equipo, ao oficializarse a chegada de Joaquín Breijo como novo adestrador de cara á tempada 2025/2026 na 1ª Futgal, logo de acordar a non continuidade do técnico Fran Caínzos.
A elección de Joaquín foi refrendada coa sinatura do acordo e o protocolario apretón de mans co presidente do club, Xaime Castro. Trátase dun adestrador da casa, que dá un salto de categoría logo de completar con éxito un ciclo completo á fronte do equipo xuvenil. A súa traxectoria, unida á experiencia como asistente no primeiro equipo noutras tempadas, consolidárono como o candidato idóneo para asumir este novo reto.
Ao tempo, o club despediuse de Fran Caínzos, que deixa o cargo tras realizar un notable traballo durante a campaña recentemente finalizada. A dirección deportiva e o propio técnico acordaron de mutuo acordo non continuar a relación para a vindeira tempada, xa que Fran afrontará novos proxectos tanto no eido deportivo como no persoal.
Dende o CD As Pontes, transmíteselle a Fran o máis sincero agradecemento polos seus servizos, desexándolle moitos éxitos no futuro. Esta sempre será a súa casa.
Así, o club mira cara adiante cunha nova etapa encabezada por Joaquín Breijo, á espera dunha tempada chea de ilusións e novos obxectivos.