O CEIP Antía Cal de Muras foi seleccionado para un programa do Centro de Arte María José Jove

TerraChaXa
O Museo Virtual MUV estará na escola un mes para o alumnado de 2º ciclo de educación infantil e 1º ciclo de primaria
nenos-xogando-muv-escola
2 Dec 2024

O CEIP Antía Cal Vázquez de Muras é unha das 8 escolas seleccionadas polo Centro de Arte Fundación María José Jove para a IV edición do MUV na escola rural, un programa enfocado a conectar ao alumnado coa súa contorna local e a cultura contemporánea e que leva fisicamente o seu Museo Virtual (MUV) a centros educativos rurais de Galicia, contribuíndo a eliminar algún dos obstáculos de acceso aos que se enfrontan día a día. O resto dos centros seleccionados son CEIP Mesón do Vento (Ordes), Escola de Vixoi (Bergondo), CPI Ponte Carreira (Frades), CEIP San Marcos de Cartelle, CEIP O Bolo, Escola De Pousada (Vilaboa) e CEIP Nosa Señora dás Dores (Forcarei).

O CEIP Antía Cal Vázquez é un pequeno colexio rural no concello de Muras, onde os seus doce escolares e dúas mestras forman unha familia. Aproveitan a riqueza da contorna natural para aprender ao aire libre e desenvolver proxectos que fomenten a creatividade, a colaboración e o respecto pola natureza. Promoven valores comunitarios e o amor pola cultura galega, cultivando unha aprendizaxe que conecta cos seus recursos e tradicións.

O MUV na escola rural desenvolverase de xaneiro a xuño de 2025 e estará en cada escola un mes, durante o cal alumnado e docentes poderán visitalo e implementar os recursos creados durante a formación. Neste curso 2024-2025, o artista Misha Bies Golas, cuxa obra está presente na Colección de Arte Fundación María José Jove, é o encargado de levar a cabo a proposta xunto á Área de Educación e Mediación do Centro de Arte Fundación María José Jove. Iníciase así un novo ciclo trianual, no que se convidará a artistas a pensar, deseñar e traballar sobre diversos temas coas escolas seleccionadas.

No marco dunha iniciativa educativa enfocada a conectar ao alumnado coa súa contorna local e a cultura contemporánea, proponse a creación de pequenos museos efémeros, tomando como referentes museos populares, gabinetes de curiosidades, coleccións diversas ou casos particulares como o Parque do Pasatempo, o Museo Carlos Maside ou o MUV (Museo Virtual do Centro de Arte da Fundación María José Jove), entre outros, que servirán de inspiración para dotar a estes espazos de contidos e formas.

Como en edicións anteriores, as escolas estarán conectadas a través dun caderno de bitácora dixital, a partir da que se desenvolverá unha publicación final que recollerá toda a experiencia.

Desta maneira, perséguese introducir as novas tecnoloxías nas aulas a través de accións culturais interactivas; potenciar o pensamento artístico no alumnado como vehículo de relación; fomentar o sentido de pertenza ao territorio e o valor do local; utilizar as prácticas artísticas como ferramentas transversais nos centros educativos.

0.16073298454285