O CEIP de Abadín organiza o domingo un xantar de Nadal solidario

O CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín celebrará o vindeiro domingo 21 de decembro unha comida de Nadal solidaria co obxectivo de recadar fondos para a viaxe de fin de curso do alumnado de 6º de Educación Primaria. A iniciativa terá lugar no comedor escolar do centro, con acceso polo patio, e combinará gastronomía, música e actividades festivas ao longo de toda a xornada.
A programación dará comezo ás 13.30 horas cunha sesión vermú, que estará amenizada pola discoteca móbil Puzzle Discoteca. Ás 14.30 horas celebrarase a comida popular, cun menú composto por callos, tenreira á xardineira, costela de porco con patacas e sobremesas caseiras, entre as que non faltarán a torta de queixo, o flan de ovo e o café.
A xornada continuará a partir das 16.30 horas cunha festa aberta ao público, novamente a cargo de Puzzle Discoteca, pensada para completar unha tarde de convivencia e ambiente festivo no centro educativo.
Os vales para participar poden adquirirse no propio colexio ata o día 18 de decembro. O prezo é de 25 euros para persoas adultas e de 15 euros para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Desde a organización animan á veciñanza a participar nesta cita solidaria, que combina lecer e colaboración cunha causa educativa.