O CEIP de Muimenta rende homenaxe ás filloeiras da vila no Entroido

TerraChaXa
Esta actividade enmárcase no Proxecto Documental Integrado que o colexio está a desenvolver durante este curso baixo o título 'E ti, de quen vés sendo?'
homenaxe-filloeiras-colexio-muimenta
18 Feb 2026

O CEIP de Muimenta celebrou este ano o Entroido cunha proposta cargada de simbolismo e memoria colectiva, centrada na figura das filloeiras da localidade. A iniciativa serviu como homenaxe e recoñecemento a catro mulleres da vila, Dosinda, Maruja, Claudina e Ana, que encarnaron este papel tradicional e que foron, ademais, imaxe publicitaria dunha coñecida marca de aceite galego en tempos recentes.

A temática escollida quixo poñer en valor o traballo das mulleres e reivindicar os labores manuais profundamente ligados á tradición local, como o agro, a cociña, as tarefas domésticas e a capacidade da comunidade para transformar materias primas en produtos que forman parte da identidade do territorio. A través desta homenaxe, o centro educativo quixo destacar saberes e oficios transmitidos de xeración en xeración, fundamentais na historia social e cultural de Muimenta.

Esta actividade enmárcase no Proxecto Documental Integrado que o CEIP de Muimenta está a desenvolver durante este curso baixo o título E ti, de quen vés sendo?, unha liña de traballo que dá continuidade ás propostas educativas impulsadas polo centro no curso anterior. O proxecto aposta por vincular os contidos escolares coa contorna máis próxima do alumnado e por reforzar a relación entre a escola e a comunidade.

Entre os principais obxectivos desta iniciativa atópanse a interrelación entre os distintos axentes da comunidade educativa, o fomento do orgullo e do sentimento de pertenza ao lugar, así como o desenvolvemento de vínculos de afecto e respecto entre xeracións. O Entroido converteuse así nun espazo de aprendizaxe, convivencia e posta en valor da memoria colectiva, no que tradición e educación camiñan da man.

⚙ Configurar cookies
0.12962293624878