O CEIP Lagostelle acolle o programa Xogando co Futgal
O Colexio Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz foi a sede, durante a xornada de onte, da caravana "Xogando con Futgal" da RFGF, un proxecto educativo pioneiro cuxo obxectivo non é outro que promover un estilo de vida saudable e a práctica deportiva en numerosos centros educativos de Galicia.
Uns 75 alumnos e alumnas deste colexio chairego recibiron a visita de tres xogadoras do mellor club feminino do mundo, o Pescados Rubén Burela, representado nesta actividade por Ale de Paz, Sandra Buzón e Elena Aragón.
Ademais, tamén recibiron a visita do adestrador do ADC Lugo Sala, Nino, e do coordinador desta Escola, Félix Julio; de catro futbolistas do CD Lugo Sala, que foron Luis Longo, Iker, Miguel e Iago Núñez; e doutros catro integrantes do Ribeira FS, entidade representada no evento polos adestradores e xogadores David Quintela, Rubén Mouriz, Carlos Areñas, e pola xogadora Mini.
"Xogando con Futgal" é un proxecto educativo itinerante que desembarca en varios colexios da nosa comunidade. En cada un deles, e aproveitando as clases de Educación Física programadas para cada curso, levarase a cabo unha sesión teórica e outra sesión práctica na que o protagonista será o balón.
A actividade vai dirixida aos nenos e nenas de entre 6 e 13 anos dos diferentes centros educativos, os cales participarán en sorteos de material deportivo e recibirán un agasallo en agradecemento por participar na xornada.
Apoio do Concello e do CEIP Plurilingüe Lagostelle
Na actividade tamén participaron o director do colexio, Jorge J. Montero Formoso; Diego López, mestre de Educación Física do centro; Manuel Martínez, técnico de Deportes de Guitiriz e da EDM Concello de Guitiriz; e Iván Pico, responsable do fútbol sala na RFGF na delegación de Lugo.
O Concello de Guitiriz tamén quixo estar presente na xornada que tivo lugar neste centro educativo e estivo representado pola alcaldesa, Marisol Morandeira,; pola tenente alcalde, Paula Barral, e polo concelleiro de obras e servizos, Carlos Buján.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, quixo agradecer á Real Federación Galega de Fútbol que “pensaran en Guitiriz para realizar este tipo de actividades tan positivas e que transmiten tantos valores”.
“No noso municipio apostamos polo deporte xa que cremos que é fundamental para a formación e o aprendizaxe de valores, sobre todo en idades temperás, por iso para Guitiriz é toda unha honra recibir actividades tan saudables coma esta”, destacou Morandeira.