O CEIP Monseivane recrea os principais monumentos de Galicia nunha maqueta

TerraChaXa
O mapa permanecerá exposto ata a primavera e foi construído de maneira progresiva, coa incorporación de novos elementos ao longo do proceso
monumentos-de-galicia-monseivane
9 Jan 2026

O CEIP Monseivane de Lanzós, no concello de Vilalba, levou a cabo durante este curso un proxecto educativo co que o alumnado recreou un gran mapa de Galicia no que se representan algúns dos monumentos, paisaxes, actividades tradicionais e elementos máis significativos do país. A iniciativa enmárcase nun proxecto de centro centrado nas viaxes e no coñecemento do territorio galego, que serviu como fío condutor para un traballo colectivo e interdisciplinar.

No proxecto participaron 17 alumnos e alumnas de terceiro a sexto de primaria, que se organizaron en grupos para investigar distintas provincias galegas. O traballo comezou na área de Ciencias, coa recompilación de información relevante sobre patrimonio, xeografía e oficios tradicionais, e continuou coa implicación das familias, que colaboraron na elaboración das diferentes pezas do mapa.

O mapa permanecerá exposto ata a primavera e foi construído de maneira progresiva, coa incorporación de novos elementos ao longo do proceso.

Entre os espazos representados figuran monumentos emblemáticos, castros, torres históricas, camiños, ríos e instalacións industriais, así como actividades vinculadas ao mar e ao campo. Tamén se incluíron animais característicos do territorio galego, co obxectivo de ofrecer unha visión ampla e didáctica do país.

⚙ Configurar cookies
0.088957071304321