O CEIP Plurilingüe de Xermade celebra o Día Internacional das Mulleres Rurais cunha actuación

O CEIP Plurilingüe de Xermade acollerá o vindeiro 10 de outubro, ás 12:30 horas, o espectáculo El pañuelo de la abuela, para conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais. A actividade, organizada no marco do programa Dinamiz-ARTj promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN), combinará música tradicional, humor e tenrura para render homenaxe ás mulleres do rural e aos oficios de antano.
Durante a representación, unhas intrépidas musiexploradoras veranse envoltas nunha divertida aventura: deben lavar o pano da avoa, pero este desaparece río abaixo. Na súa procura, coñecerán diversas mulleres do pobo que, sen deixar de traballar nin de cantar, lles ofrecerán a súa axuda.
O grupo Triguiñuelas é o encargado de levar a escena esta proposta que aposta por achegar a música tradicional aos máis pequenos, poñendo en valor a cultura popular e o papel fundamental das mulleres na vida rural. Unha ocasión perfecta para celebrar, con alegría e recoñecemento, a forza e a sabedoría das mulleres que seguen tecendo a memoria dos nosos pobos.