O CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira sométese a unha reforma integral

O CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz do Concello de Meira está a ser obxecto dunha rehabilitación integral cun investimento próximo aos 900.000 euros. As obras comezaron no mes de maio e está previsto que rematen a tempo para o inicio do curso escolar 2025/2026.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou os traballos en execución e destacou que “se trata dunha actuación de gran envergadura, que responde ao compromiso da Xunta por garantir espazos escolares confortables, seguros e sostibles”. Subliñou ademais que esta intervención se insire no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar e adaptar os centros educativos ás necesidades actuais do ensino.
A intervención inclúe a renovación integral da envolvente do edificio, cunha atención especial á eficiencia enerxética: substitúese a cuberta por paneis tipo sándwich, réstaurase a fachada, cámbianse 92 ventás, 11 portas e 305 luminarias, e reformáronse 1.260 metros cadrados de falsos teitos. Estas melloras contribuirán tanto ao aforro enerxético como á comodidade diaria do alumnado, composto por máis de 180 estudantes.
Deste xeito, a Xunta continúa a súa aposta por dotar os centros escolares de Galicia das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas. Con estas actuacións, reafirma o seu compromiso coa creación de espazos máis accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa.