O CEIP Poeta Avelino Díaz organiza unha campaña solidaria de recollida de xoguetes
O CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz vén de lanzar unha nova iniciativa solidaria nesta tempada de Nadal, coa organización dunha campaña de recollida de xoguetes en apoio ás zonas afectadas pola DANA. Os xoguetes recollidos serán trasladados desde Meira ata Valencia o próximo día 14 de decembro.
A iniciativa está aberta á participación de toda a comunidade. Acéptanse xoguetes novos, que serán entregados directamente no centro educativo, ou xoguetes usados, sempre que estean en bo estado. Os artigos doados serán distribuídos entre as familias necesitadas a través da parroquia local.
A campaña estará activa ata o 10 de decembro, en horario de 9:10 a 14:10 horas, no propio CEIP Poeta Avelino Díaz. Co lema Trae xoguetes, reparte ilusión!, a escola busca promover un Nadal máis xusto e solidario para todos os nenos e nenas.
Esta acción engádese a outras iniciativas levadas a cabo polo centro escolar para apoiar ás comunidades máis vulnerables, reafirmando o seu compromiso coa solidariedade e coa promoción de valores entre o alumnado e a veciñanza.