O CEIP Terra Chá celebra o seu 40º aniversario cunha xornada festiva

O CEIP Terra Chá de Vilalba conmemorou o seu 40º aniversario cunha xornada chea de emoción, encontros e actividades festivas.
O evento reuniu profesorado e alumnado, tanto antigo coma actual, así como familias e veciñanza que mantiveron algún vínculo co centro ao longo destas catro décadas de historia.
Un dos momentos máis destacados da celebración foi a inauguración da escultura 40 anos de ensino rural, unha peza elaborada pola artesá Clara Naseiro que xa ocupa un lugar destacado na entrada principal do colexio. Ademais, presentouse unha exposición fotográfica que fai un percorrido pola traxectoria do centro educativo dende a súa creación.
O acto contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen enxalzou a importancia e a calidade do ensino no rural galego, que definiu como “un modelo de éxito grazas ao traballo e implicación do profesorado”. Arias tamén salientou os bos resultados académicos do alumnado e o incremento das matrículas en centros coma o CEIP Terra Chá.
O representante da Xunta aproveitou a ocasión para destacar os investimentos do Goberno galego na modernización das infraestruturas educativas, tanto no ámbito urbano como rural. Neste sentido, lembrou que no CEIP Terra Chá leváronse a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética cun investimento de 204.000 euros.
A xornada rematou cun xantar popular que serviu como punto de encontro interxeracional e como celebración compartida dun colexio que leva catro décadas sendo motor educativo e social da súa contorna.