O CEIP Terra Chá inicia o programa de Nadal este martes cunha visita ao asilo e alumeado festivo

TerraChaXa
Haberá actividades culturais, educativas e festivas co obxectivo de implicar ao alumnado na vida social e comunitaria
programa-nadal-ceip-terra-cha
8 Dec 2025

O CEIP Terra Chá de Vilalba inicia este martes a súa ampla programación de Nadal para este 2025, unha proposta que combina actividades culturais, educativas e festivas co obxectivo de implicar ao alumnado na vida social e comunitaria, así como de celebrar estas datas dun xeito participativo e divertido.

O programa arrincará o martes 9 co Día de Vilalba, no que o alumnado visitará o Asilo e percorrerá a iluminación de Nadal da vila. O mércores 10 celebrarase o Día da ANPA, con un obradoiro de plantas medicinais organizado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da área de Rural.

O xoves 11 terá lugar o primeiro Día do Famoso, cun encontro co divulgador científico Jorge Mira, mentres que o venres 12 será a actriz e comunicadora Nuska Chousa quen visite o centro dentro da mesma iniciativa.

A programación continuará o luns 15 co Día da Coruña, no que os escolares realizarán unha saída ao Aquarium Finisterrae, á Domus e ao mercado de Nadal da cidade herculina. O martes 16 será o Día da Parroquia e da Lectura, que incluirá a elaboración de adornos de Nadal na igrexa de Román por parte do alumnado de Relixión e unha sesión de contacontos na Biblioteca de Vilalba dirixida ao alumnado infantil.

O mércores 17 celebrarase o Día do Queixo de San Simón, cun obradoiro dedicado a este produto emblemático da comarca que terá lugar no propio centro. O xoves 18 chegará a tradicional visita da Apalpadora, unha actividade organizada coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A semana festiva culminará o venres 19 cunha completa xornada de celebracións de fin de ano que incluirá a cabalgata de Papá Noel, as tradicionais badaladas e unha chocolatada con churros para todo o alumnado.

 

⚙ Configurar cookies
0.078120946884155