O CEIP Terra Chá investiu 1.800 euros en promover o consumo de leite e froita

TerraChaXa
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou onte o CEIP Terra Chá de Román, que participa neste programa
visita ceip terra cha almorzos froita leite
11 Feb 2022

O Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá de Román recibiu a visita do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, ou seu un dos 223 colexios que participan este curso no programa da Xunta que busca incentivar entre os máis pequenos o consumo de leite e froita. En total, o Goberno galego inviste preto de 1,2 millóns de euros para que 49.854 rapaces degusten froitas frescas e castañas e outros 46.092 consuman leite líquido, co conseguinte beneficio tanto para os nenos como para os respectivos produtores.

No caso do colexio Terra Chá, o orzamento deste curso roldou os 1.800 euros, para que un total de 68 estudantes consuman froita en dous períodos de 10 días hábiles, e leite noutros dous períodos de 20 días hábiles neste caso. O período de subministración vai de novembro a xuño e os produtos son subministrados durante o recreo.

Cabe apuntar que os produtos acollidos son o leite líquido de consumo (con e sen lactosa) e froitas como as castañas, ameixas, albaricoques, amorodos, caquis, cereixas, figos, mangos, framboesas, laranxas, mandarinas, mazás, melóns, plátanos, sandías... Teñen preferencia os produtos de tempada, con orixe en Galicia e procedentes de sistemas sustentables e respectuosos co medio ambiente. Nesa liña, as froitas non sofren ningún procesamento e consómense no seu estado natural. As castañas, mentres, preséntanse cocidas ou asadas.

Obxectivos do programa

Os obxectivos xerais da iniciativa son potenciar o consumo e demanda dos produtos lácteos e das froitas. Así mesmo, perséguese cumprir cos obxectivos de Saúde Pública para mellorar os hábitos alimentarios e reducir a obesidade da poboación infantil, dirixindo a iniciativa aos alumnos de preescolar, educación primaria, educación secundaria e educación especial, poñendo especial atención aos nenos de 6 a 10 anos.

Os solicitantes da axuda son os propios centros escolares ou os provedores dos produtos (froitarías, supermercados, produtores agrarios, empresas lácteas, etc.), mentres as familias non teñen que facer ningún tipo de achega económica. Para dar máis efectividade ao programa, compleméntase con medidas de acompañamento como concursos, obradoiros de cociña, visitas a explotacións agrarias, exposicións, materiais lúdicos, etc.

Así o destacou o director xeral, poñendo en valor as bondades desta iniciativa que destina concretamente -no presente curso 2021-2022- un orzamento de 650.246 euros ao programa de froita e outros 537.883 euros ao de leite. Se temos en conta os últimos cinco anos, o Goberno galego leva destinado arredor de 7 millóns de euros a este proxecto.

0.19845390319824