O CEIP Virxe do Corpiño de Begonte pon en marcha o programa Madrugadores cofinanciado polo Concello e a Deputación

TerraChaXa
O deputado provincial pola Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, e o alcalde de Begonte, José Ulloa Rocha, presentaban este martes, na Casa da Cultura do municipio chairego o Programa Madrugadores.
pres madrugadores
5 sep 2017

O deputado provincial pola Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, e o alcalde de Begonte, José Ulloa Rocha, presentaban este martes, na Casa da Cultura do municipio chairego o Programa Madrugadores. Trátase da iniciativa de conciliación laboral e familiar, que Goberno da Deputación e o Concello levan ao C.E.I.P Virxe do Corpiño, pois permite aos pais e nais deixar aos seus fillos e fillas -ante o desfase de horarios escolares e laborais- baixo a atención dun monitor ou monitora cualificada dende as oito e media da mañá ata a hora de inicio das clases, ás dez e media, realizando actividades encamiñadas a fomentar a súa creatividade, autonomía e interese por coñecer e gozar o seu contorno.

O pasado curso foron dez nenos e nenas de entre tres e once anos -entre os 46 matriculados e matriculadas no centro- os que se beneficiaron deste programa. O resultado foi moi positivo tanto para os escolares participantes, que levaron a cabo actividades lúdico-formativas supervisadas por unha monitora, como para os pais e nais, posto que ao finalizar o programa cubriron unha enquisa, na que se puxo de manifesto a súa satisfacción co servizo. Por este motivo, prevese que neste curso que comeza o luns 11 de setembro se incremente o número de usuarios. Os interesados e interesadas poden informarse e realizar a inscrición no propio centro escolar.

Os seus destinatarios e destinatarias son alumnos e alumnas de Educación Infantil e de Educación Primaria. Estes nenos e nenas reciben atención nunha das aulas do centro antes do comezo das clases, en días lectivos por persoal cualificado. Así, os nenos e nenas dedican o tempo a actividades como xogos e talleres educativos, e tamén poden levar o seu almorzo para tomar antes do inicio das clases.

Colaboración institucional
Vidal Baamonde destacou que “a colaboración que brindamos dende o Goberno Provincial enmarcase na nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, é dicir, a través da que impulsemos o desenvolvemento de iniciativas que contribúan ao benestar dos nosos veciños, especialmente no rural, favorecendo, deste xeito, a igualdade de oportunidades vivas onde vivas. A achega económica que facemos ao Programa Madrugadores permite a súa reedición, feito polo que estamos moi satisfeitos, pois somos conscientes da súa utilidade para as familias”. Ademais, co total de 11.000 euros que achega o ente provincial mediante o Plan Único permite a celebración doutras actividades lúdicas no municipio ao longo do ano.

Pola súa banda, o alcalde explica que “o Concello poñía en marcha o curso pasado o programa Madrugadores porque aposta pola conciliación da vida laboral e familiar como medida de fomento da natalidade ante a perda demográfica do municipio -que tamén se da no resto da provincia, a comunidade galega e o resto do Estado-“. Pero, “ante o coste económico destas medidas, a colaboración institucional é fundamental; xa que ascende a 10.800 euros dos que 4.000 euros os achega a Deputación a través do Plan Único”.

Neste sentido destaca Ulla que foi coa colaboración de tódolos grupos coa que se aprobaran na Deputación uns orzamentos cos que achegar máis recursos a tódolos concellos. Así, traslada ao deputado e ao presidente provincial a petición de “colaborar un pouco máis con aqueles Concellos que son exemplo de posta en marcha de iniciativas innovadoras coma o programa Madrugadores do que se viron beneficiados o 40% dos nenos e nenas que nalgún momento do curso pasado empregaron este servizo”. De feito, recorda que a instancias do Partido Popular se aprobaba a comezos de ano unha moción no Pleno Provincial que se pedían axudas ao ente provincial para fomentar a natalidade sendo unha delas a achega puntual de axudas para Concellos que teñen en marcha este servizo”. Deste xeito, agarda Ulla unha aportación maior “para compensar o esforzo económico que realizan os Concellos con necesidades diferentes en materia de conciliación da vida laboral e familiar ao non contar con outros servizos como Puntos de Atención á Infancia ou garderías”.

O deputado provincial, que tamén apela á cooperación institucional para o desenvolvemento de diversas actividades, defende que “os orzamentos provinciais foron aprobados nas mesmas condicións para tódolos Concellos –coa abstención do Grupo Provincial Popular-“. E, ademais, explica que é posible achegar máis fondos a estes proxectos recordando que “o Concello decidiu aportar ao programa Madrugadores 4.000 euros, pero puido destinar máis dos fondos do Plan Único”.

0.1972930431366