O CEIP Virxe do Corpiño recibe unha dotación para mellorar a biblioteca
O CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño vén de incorporarse ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación no que o centro recibirá unha dotación económica de 4.000 euros exclusiva para a biblioteca escolar.
Á incorporación ao Plan permitirá a renovación total do mobiliario da biblioteca, a adquisición de novos fondos bibliográficos ademais da incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria como concepción multidisciplinar, espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de maneira compartida.
Por outra banda, realizarase unhha organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, en evolución cara a un centro creativo das aprendizaxes.
Incorpora tamén o deseño da biblioteca cun enfoque inclusivo, con atención aos espazos, os recursos, as oportunidades e a actitude para unha correcta atención da diversidade e metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.
No traballo dirario a biblioteca implicarase en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar e contrubuirá á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU (ODS da Axenda 2030).