O CEIP Virxe do Corpiño retoma o curso cun aumento do 47% no seu alumnado
O CEIP Virxe do Corpiño reiniciou esta semana o curso cun total de 97 alumnos, 31 máis que o ano pasado debido á incorporación da maior parte do alumnado do CEIP de Baamonde así como doutros alumnos procedentes de Lugo e Coristanco. Esto supón un crecemento de preto do 47% do alumnado que xa tiña o centro, que era de 66 pequenos entre infantil e Primaria.
Trátase por tanto do colexio da provincia onde máis aumentou o alumnado nunha tendencia xeral á baixa.
O centro estrea este ano instalacións renovadas debido ás accións que se levaron a cabo durante o curso coa intención de que o centro acollese a todos os que procedía do cole pechado.
Segundo valorou o seu director, "o comezo do curso foi sen incidencias trala fusión dos dous centros e con toda a normalidade".
O alumnado que tivo que mudar de centro dentro do municipio conta con transporte para o novo centro. Non pasa así cos cinco alumnos que decidiron inscribirse no CEIP Santo Estevo de Parga, que pertence ao veciño municipio de Guitiriz. As familias deste centro reclaman unha parada na ruta que vai de Pígara a Parga e que xa viña funcionando doutros anos atrás. Piden por tanto que se faga unha parada en Baamonde xa que a liña xa pasa por aí e afirman que se trata dun caso de "discriminación" pola decisión de non inscribir a estes rapaces en Begonte.