O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba convoca unha Asemblea Xeral Extraordinaria o 17 de novembro

TerraChaXa
O encontro celebrarase no Salón de Actos do Centro Cultural e servirá para renovar a Xunta Directiva da entidade
VILALBA centro cultural
6 Nov 2025

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba anunciou a convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria dirixida a todos os seus socios e socias. A reunión terá lugar o vindeiro 17 de novembro de 2025 no Salón de Actos do propio centro.

A primeira convocatoria está prevista para as 19.30 horas, mentres que a segunda se celebrará ás 20.00 horas. A sesión comezará na primeira convocatoria se está presente a maioría dos socios; en caso contrario, iniciarase media hora despois co número de asistentes presentes.

A orde do día inclúe tres puntos principais: lectura e aprobación da acta anterior, elección da nova Xunta Directiva, coa correspondente presentación de candidaturas e votación para a renovación dos seus membros, e a toma de posesión da nova directiva.

O período de presentación de candidaturas permanecerá aberto desde o 6 ata o 15 de novembro de 2025. As propostas deberán remitirse en formato A4 e pdf ao correo electrónico do centro (ccrvilalba@gmail.com). As persoas interesadas deberán cumprir cos requisitos establecidos nos estatutos da Sociedade, que poden solicitarse a través do mesmo correo electrónico.

Desde a presidencia do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba faise un chamamento á máxima participación dos socios dada a relevancia dos temas a tratar.

⚙ Configurar cookies
0.070000886917114