O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba inicia unha nova etapa cun evento de Nadal

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba deu o pistoletazo de saída a unha nova etapa coa celebración do primeiro evento organizado pola recentemente renovada directiva. Tivo lugar o tradicional sorteo da Cesta de Nadal para as persoas socias, que se desenvolveu en formato bingo no Salón de Actos do Centro Cultural e contou coa participación de máis de 150 asistentes.
A cita transcorreu nun ambiente festivo e moi participativo, converténdose nun punto de encontro para a convivencia e o desfrute colectivo. Ao longo da velada repartíronse diversos premios, nunha noite marcada polo bo ambiente, a complicidade entre os socios e as ganas de compartir, o que deixou un balance moi positivo e unha excelente acollida entre o público asistente.
Este evento supón o primeiro organizado pola nova directiva, que tomou posesión a finais deste ano co obxectivo de revitalizar a actividade social e dinamizar o Centro Cultural, abrindo así unha nova etapa para a entidade. Nos últimos dous meses levouse a cabo un intenso traballo de posta a punto e acondicionamento do Salón de Actos, que nesta ocasión luciu especialmente coidado e decorado para acoller este tipo de iniciativas.
Desde a directiva tamén se destaca o notable incremento de socios rexistrado nas últimas semanas, con máis de 90 novas incorporacións en apenas dous meses, un dato que reflicte a confianza depositada neste novo proxecto. A asociación conta xa con varios plans e iniciativas en marcha para continuar medrando e consolidarse como unha entidade cada vez máis activa e dinámica na vida social vilalbesa.
Os responsables do Centro Cultural sinalan que este evento é só o inicio dun calendario máis amplo de actividades. Nos vindeiros meses prevese a posta en marcha de novas propostas, entre as que xa se está a ultimar unha festa de Fin de Ano dirixida ás persoas socias, que terá lugar o 31 de decembro a partir das 1.30 horas. A noite contará con cotillón e un DJ set con luces e espectáculo láser, co obxectivo de despedir o ano cunha proposta musical e de animación aberta á participación.
Xa no mes de xaneiro, o día 10 ás 17.00 horas, terá lugar unha festa infantil con xogos e música, pensada para o público máis novo. Durante a xornada repartiranse agasallos e ofreceranse churros con chocolate, poñendo o broche final á programación de Nadal.