O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba organiza un obradoiro de cerámica o 28 de marzo

TerraChaXa
As prazas son limitadas e que, no caso de completarse o grupo previsto para este horario, podería habilitarse unha segunda quenda
obradoiro-de-ceramica
20 Mar 2026

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba organizará o vindeiro sábado 28 de marzo un obradoiro de cerámica no que as persoas participantes poderán iniciarse nesta disciplina artística e crear as súas propias pezas. A actividade desenvolverase en horario de 16.00 a 18.30 horas nas instalacións da entidade.

Durante a sesión, as persoas asistentes terán a oportunidade de elaborar e decorar unha cunca e un prato mentres aprenden técnicas básicas de cerámica da man de Telarete Cerámica. O obradoiro está pensado como unha experiencia creativa para achegar esta arte artesanal ao público interesado en experimentar co traballo manual e a decoración de pezas.

A organización sinala que as prazas son limitadas e que, no caso de completarse o grupo previsto para este horario, podería habilitarse unha segunda quenda. Ademais, ofrecerase café ás persoas participantes durante a actividade.

O prezo do obradoiro será de 40 euros para persoas socias do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba e de 50 euros para aquelas que non o sexan. As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico ccrvilalba@gmail.com ou directamente na cafetería do propio centro.

0.088557958602905