O Centro Cultural e Recreativo vilalbés organiza unha festa infantil para pechar o Nadal

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba organizará este sábado unha festa infantil dirixida aos máis pequenos, que se desenvolverá entre as 17.00 e as 20.00 horas nas instalacións da entidade.
A actividade contará con monitores e monitoras infantís encargados da animación, co obxectivo de ofrecer unha tarde de lecer adaptada ás distintas idades dos participantes. A programación incluirá xogos e sorteos pensados especificamente para o público infantil e rematará cunha merenda de chocolate con churros.
Cada socio ou socia poderá asistir acompañado dos seus fillos ou fillas, considerados beneficiarios, e traer ademais ata dous nenos convidados. A idade máxima para participar na festa establécese nos 12 anos.
Desde a organización solicitan a colaboración das familias para coñecer unha estimación do número de asistentes. Para iso, pódese confirmar a asistencia enviando unha mensaxe de WhatsApp a calquera membro da directiva ou anotándose directamente na cafetería do Centro Cultural e Recreativo.