O centro de autismo de Friol estará listo este ano

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Friol, José Ángel Santos, visitou as obras do futuro centro de atención integral a persoas con autismo en Friol, ao que a Xunta destina 4,7 millóns de euros e que contará con 48 prazas residenciais. Concretamente, a achega do Goberno galego consiste nunha dotación de 4 millóns de euros para a construción do centro e outra achega de 700.000 para o seu equipamento e mobiliario.
Durante o acto, destacou que este recurso pioneiro e de vangarda, que estará listo este ano, situará a Galicia como un referente nesta materia e permitirá a creación de novos postos de traballo, favorecendo o asentamento de poboación no rural.
A conselleira aproveitou a ocasión para agradecer o traballo de Aspanaes, a entidade social que se encargará da xestión do centro, e sinalou que “o fará coa garantía da súa ampla experiencia de máis de 40 anos traballando no benestar das persoas con TEA”. Ademais, agradeceu ao Concello de Friol a cesión dunha parcela situada no centro urbano, co que facilitará a autonomía dos futuros usuarios do centro. Nesta mesma liña, destacou a colaboración entre a Administración autonómica e o tecido asociativo para seguir mellorando a vida das persoas con discapacidade e acadando importantes fitos.
Fabiola García fixo fincapé no compromiso da Xunta para que a nosa comunidade sexa cada día máis aberta, máis plural e inclusiva. Por iso, puxo en valor a construción deste centro que supón un novo avance na atención ás persoas con discapacidade. Así, lembrou que o Executivo galego seguirá traballando da man do tecido asociativo para seguir impulsando recursos que melloren a vida das persoas.