O Centro de Cultivos Mariños recibe unha achega para a mellora da climatización
O voceiro do PP en Ribadeo, Daniel Vega, pon en valor o esforzo inversor que a Xunta de Galicia está a realizar neste municipio, e que, unha vez máis, se demostra co investimento de máis de 190.000 euros para o Centro de Cultivos Mariños situado nesta localidade e dependente da administración autonómica.
Concretamente, a consellería do Mar licitou a obra de subministración e reforma da instalación térmica para climatización en ditas instalacións, tanto no edificio de oficinas como no laboratorio, incluíndo piscinas de crías de larvas Nestas instalacións quéntase de forma continuada a auga do mar para manter estable a temperatura das piscinas de cría, o que conleva un notable consumo enerxético. Neste sentido, o novo sistema está pensado para reportar un aforro de máis do 70 por cento no consumo de enerxía primaria (en concreto o 71,8%) e na emisión de dióxido de carbono á atmósfera (o 74,2%).
Para o popular trátase dunha “importante inxección económica”, que contribuirá, segundo indica, “a dar un valor engadido ao sector da acuicultura”. E é que estas instalacións está desenvolver un labor “extraordinario” neste senso. Proba delo é que o pasado ano obtiveron unha partida de sementes de coquina que, posteriormente, foron sementadas na ría do Eo, co fin de que profesionais do campo da bioloxía puidesen analizar o seu desenvolvemento, crecemento e supervivencia.
Deste xeito, o investimento do Goberno de Feijóo permitirá seguir afondando no campo do cultivo intensivo, onde a ameixa xaponesa é a que mellor resposta, debido, entre outras cuestións, a que é máis resistente que outras ostras.