O Centro de Día de Begonte impulsa o proxecto solidario 'Anaquiños de Ilusión'

TerraChaXa
O proxecto consiste na creación de agasallos artesanais que se entregarán a persoas que viven soas
proxecto-anaquinos-begonte
11 Dec 2024

Os usuarios e usuarias do Centro de Día de Begonte, baixo a coordinación da terapeuta ocupacional Sonia López, puxeron en marcha o proxecto Anaquiños de Ilusión, unha iniciativa solidaria que busca levar agarimo e apoio ás persoas en situación de vulnerabilidade do concello de Begonte durante o Nadal.

O proxecto consiste na creación e entrega de agasallos artesanais, elaborados ao longo deste ano polas propias mans dos participantes no centro. En total, confeccionáronse 82 agasallos utilizando materiais reciclados e con fins prácticos, como moedeiros de feltro e bomboneiras feitas a gancho con bolsas recicladas.

Os agasallos serán entregados a persoas do municipio que viven soas, un xesto que busca achegar calor humano e compañía nestas datas tan especiais. A distribución realizarase a través dos Servizos Sociais comunitarios, mediante o Servizo de Axuda no Fogar.

Esta fermosa iniciativa pon en valor a solidariedade, a creatividade e o compromiso coa comunidade, facendo do Nadal unha época máis cálida e inclusiva para todos.

0.17085313796997