O Centro de Día de Begonte organiza unha sesión de cine aberta á comunidade o 12 de marzo

O Centro de Día de Begonte, situado en Baamonde, celebrará o vindeiro xoves 12 de marzo unha sesión de cine aberta á participación da veciñanza, nunha iniciativa que busca reforzar os vínculos entre as persoas usuarias do centro e a comunidade.
A proxección terá lugar ás 12:00 horas nas propias instalacións do centro e incluirá o visionado do filme El barrendero, protagonizado por Cantinflas, unha comedia clásica do cinema mexicano que destaca polo seu ton humorístico e carácter popular.
A actividade desenvolverase xunto ás persoas usuarias do centro, co obxectivo de fomentar a integración social e promover espazos de encontro interxeracional, favorecendo así unha maior interacción entre o centro e o seu contorno.
A asistencia será gratuíta e aberta a todas as persoas interesadas, aínda que será preciso realizar inscrición previa a través dos teléfonos 982 39 80 04 ou 687 05 61 94, segundo informa a organización.