O Centro de día de Cospeito celebrou o décimo cuarto aniversario cunha festa e unha tarta

O Centro de Día Vila de Valverde, en Cospeito, celebrou o seu décimo cuarto aniversario cun completo programa de actividades festivas que encheron de ledicia e emoción as instalacións. Durante varios días, usuarios e usuarias, persoal e convidados compartiron doces lembranzas, risas, música, bailes e confidencias que reforzaron os lazos de convivencia e comunidade.
Nunha primeira xornada tivo lugar unha actividade interxeracional coa participación do alumnado do CPI Virxe do Monte de Cospeito. Xuntos, maiores e pequenos elaboraron unhas fermosas decoracións, deixando pegada da creatividade e da colaboración entre xeracións.
Na segunda celebrouse a tradicional comida de aniversario, acompañada dunha actuación musical. Este evento, financiado polo Concello de Cospeito, estivo aberto ás familias das persoas usuarias, que se sumaron á festa nun ambiente de alegría compartida. Os concelleiros de Servizos Sociais e de Cultura, Iván Méndez e María José Paredes, estiveron presentes na celebración, acompañando ao persoal e aos usuarios do centro.
Durante o acto, tamén tiveron un papel destacado Jaqueline e Inés, da empresa Xerocatering Culinaria, que agasallaron ao centro cunha tarta personalizada decorada con fotografías das persoas usuarias, un xesto que foi recibido con grande emoción.
A conmemoración do aniversario pechouse cunha actuación musical a cargo da UNED Sénior, que amenizou a mañá e puxo o broche de ouro a esta semana tan especial para o Centro de Día Vila de Valverde.