O Centro de Día de Cospeito convoca un concurso de postais
O Centro de Día de Cospeito organiza o seu primeiro Concurso de Postais de Nadal, dirixido a todas aquelas persoas que queiran expresar a súa creatividade nesta época festiva.
Cada participante poderá presentar unha única postal, escollendo entre dúas modalidades para enviala, a entrega presencial, achegándoa directamente ao Centro de Día de Cospeito, situado na Rúa Curros Enríquez S/N, Feira do Monte, ou electrónico, enviando unha fotografía da portada da postal ao correo electrónico cospeito.consorcio@igualdadebenestar.org.
Para que a participación sexa válida, a postal debe incluír o nome completo e o número de teléfono do autor ou autora. A creación deberá ter o formato dunha postal tradicional; non é necesario que o interior estea escrito, xa que só se valorará a imaxe exterior.
A data límite para a entrega será o 16 de decembro de 2024. O día 17 de decembro, as persoas usuarias do Centro de Día realizarán unha votación para escoller a postal gañadora. O 19 de decembro darase a coñecer a persoa vencedora, publicándose a fotografía da postal na páxina web do Concello de Cospeito.
O concurso contempla un premio para a postal gañadora, que deberá recollerse presencialmente nas instalacións do Centro de Día.