O Centro de Día de Cospeito escolle as postais gañadoras do concurso de Nadal

TerraChaXa
O traballo presentado por Ángela Basanta Vidal foi o gañador, seguido dos de Lucas Roca, Noa Iglesia Piñeiro e Izán Buján Vázquez
concurso-postais-cospeito
8 Jan 2026

O Centro de Día de Cospeito deu a coñecer as postais gañadoras da segunda edición do seu Concurso de Postais de Nadal, unha iniciativa que volveu contar cunha ampla participación e que tivo como protagonistas tanto aos usuarios e usuarias do centro como á veciñanza máis nova.

O xurado do certame estivo formado polos propios usuarios e usuarias do Centro de Día, que escolleron como postal gañadora o traballo presentado por Ángela Basanta Vidal. O concurso contou tamén cun segundo e terceiro premio, este último con empate, polo que foron dous os traballos recoñecidos nesta categoría.

O segundo posto foi para Lucas Roca, alumno de primeiro de Primaria do CPI Virxe do Monte, mentres que o terceiro premio recaeu ex aequo en Noa Iglesia Piñeiro e Izán Buján Vázquez. Ademais dos premios principais, a organización destacou que todas as persoas participantes recibirán un pequeno agasallo en recoñecemento ao seu esforzo e creatividade.

Desde o Centro de Día informan de que tanto os premiados como o resto de participantes poden pasar polas instalacións para recoller os seus agasallos. A entidade quixo agradecer de maneira especial a participación das 45 persoas que tomaron parte nesta edición do concurso, destacando o éxito da iniciativa e o ambiente de ilusión e colaboración que se xerou arredor desta actividade de Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.076902866363525