O Centro de Recría da Deputación supera o 85% da súa capacidade

TerraChaXa
O Centro de Recría da Deputación da Granxa Gayoso Castro supera o 85% da súa capacidade con 2.150 xatas de 62 explotacións.
vaca granxa gayoso castro
15 Mar 2021

O  Centro de Recría de gando vacún de leite que a Deputación de Lugo ten nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, acolle na actualidade 2.150 xatas, o que supón máis do 85% da súa capacidade. Recibe exemplares de 62 explotacións diferentes de gandeiros de toda a provincia, dende Monterroso ou Monforte a Trabada pasando por Pol, Castroverde, Cospeito ou Castro de Rei.

Coa tendencia que se está producindo agora mesmo, agárdase chegar ao 100% da capacidade nos próximos 8 meses.  Os animais pasan 21 meses no centro provincial e permiten un aforro de 300 euros por xata aos gandeiros, xa que o prezo da recría é de 2,39 céntimos ao día. Está tarifa inclúe todos os gastos: transporte, tratamentos de fertilidade, alimentación, control sanitario e revisións veterinarias.

Outro aspecto positivo que relatan os gandeiros experimentados no centro de recría é o pulo das súas explotacións dende a súa incorporación ao centro. Ao non recriar nas súas instalacións, poden dedicarlle o 100% do espazo á produción leiteira. Cómpre sinalar que é o primeiro centro público en España que recría gando vacún de leite mediante a xestión directa da Deputación e a colaboración de reputados expertos da Universidade de Santiago.

Mediante este proxecto a institución provincial lucense aposta polo sector primario, impulsando o seu futuro a medio e longo prazo, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e das súas oportunidades. Este centro pioneiro contribúe a reducir notablemente os custes para os gandeiros ao evitar a recría no exterior de Galicia, reactivando así a economía lucense e contribuíndo a que as explotacións da provincia sexan máis rendibles e sostibles.

0.072915077209473