O Centro de Recría de Castro abre o día 5 de xuño
O presidente, Darío Campos Conde, avanzou este luns que o Centro de Recría da Deputación abrirá o 5 de xuño coa entrada das primeiras 50 novillas de gandeiros da provincia de Lugo. Campos Conde destacou que “será un día de intenso traballo no centro de recría, pero de celebración para toda a provincia xa que, despois de moito esforzo e de superar moitas trabas, por fin comezarán a funcionar estas instalacións en impulso do sector gandeiro e, polo tanto, da economía dunha provincia gandeira, como a nosa, pois en Lugo, de xeito directo ou indirectamente, todos vivimos ou dependemos deste sector. Se aos nosos gandeiros lles vai ben, a nosa provincia tamén”.
É o 1º centro de recría público de gando vacún de leite que existe en España, pois foi construído en solitario pola Deputación de Lugo con 12 millóns de euros logo de que a Xunta de Galicia rexeitase colaborar; sitúase en terreos da Deputación na Granxa Gayoso Castro, no concello lucense de Castro de Rei; e a súa xestión é de rigoroso control público por parte da Deputación e coa colaboración de reputados expertos da Universidade de Santiago de Compostela.
Na actualidade existen 4 centros de recría en España: 3 totalmente privados en Mazaricos (A Coruña), en Pantón (Lugo) e en Mallén (Zaragoza). Hai outro en Guipúzcoa construído en terreos da Deputación Foral pero de xestión privada, pois foi cedido a unha empresa e a administración desvinculouse do seu funcionamento.
No caso do de Lugo, Deputación e recoñecidos profesionais da USC como Francisco Sineiro ou Eduardo Yus determinaron como mellor modelo de xestión na modalidade de pública: a concesión administrativa con estrito control público a unha entidade con vinculación directa co sector gandeiro.
Deste xeito, tras un proceso de concorrencia competitiva no que puideron participar todos os interesados, resultou beneficiada do mesmo Recría Castro S.L, que conta coa participación directa da cooperación galega SERAGRO da que forman parte 1.500 gandeiros, dos que sobre o 50% son lucenses. Esta debe cumprir uns estritos pregos e un regulamento en defensa do dereitos dos gandeiros cuxo control e seguimento recae na Deputación de Lugo e na USC. Pódense consultar estes documentos en www.deputacionlugo.gal.
Prezo de 2,39 céntimos día con todo incluído
O Centro de Recría da Deputación de Lugo poder acoller a 3.000 novillas, duplicando a capacidade de recría que existe hoxe en Galicia. O prezo da recría é de 2,39 céntimos ao día. Esta tarifa inclúe todos os custos: transporte, tratamentos de fertilidade, alimentación, control sanitario, revisións veterinarias... a diferenza dos centros privados. Polo tanto, con este prezo búscase aforrar custos aos gandeiros, que ademais non terán que levar a recriar os seus animais a centros fóra da Comunidade galega.
Prioridade de acceso para gandeiros da provincia
Teñen prioridade de acceso os gandeiros da provincia e logo os do resto de Galicia. Os interesados poden facer as súas consultas en info@recriacastro.es, www.deputacionlugo.gal ou directamente no 650-664-776. Todos os martes a partires do 5 de xuño entrarán 30 novas novillas. Os dous primeiros meses estarán nos 300 boxes de cuarentena, logo outros dous meses nos 100 boxes colectivos e finalmente nas 13 naves de recría de onde sairán preñadas con menos de 24 meses e antes do parto. Acadaranse exemplares cun alto valor produtivo e xenético.
3 millóns en beneficios
Ademais do aforro de custos para os gandeiros, que non terán que recriar fóra de Galicia a súa cabana, e de mellorar a competitividade das súas explotacións con animais mellorados e máis produtivos; cando o Centro de Recría da Deputación estea a pleno rendemento (en dous anos poderá acoller as 3.000 novillas) será capaz de xerar na provincia uns beneficios anuais duns 3 millóns de euros, atendendo só á contratación de bens e subministros para o funcionamento destas instalacións como por exemplo pensos, forraxe, servizos veterinarios, de mantemento...
A isto engádese o valor no mercado dos animais recriados, pois serán mellorados xeneticamente e contarán cun alto valor produtivo. Estas instalacións impulsarán ademais o emprego, pois xeraranse 10 novos empregos directos (tal e como recollen os pregos) no propio centro para o coidado dos animais, ao tempo que contribuirá a manter ducias de postos de traballos ao colaborar con profesionais vinculados ao sector. O Centro de Recría da Deputación suporá polo tanto un pulo para a economía da provincia de Lugo.
Esforzo e trabas
A Deputación decidiu construír destas pioneiros instalacións dentro da súa aposta polo impulso do sector gandeiro, especialmente do lácteo, para a mellora da economía da provincia. Solicitou colaboración á Xunta de Galicia tendo en conta que é a administración galega coas competencia directas no medio rural. A administración autonómica rexeitou colaborar e ata coñecer as instalacións. Ante esta situación, o organismo provincial tivo que financiar en solitario as obras, achegando un total de 12 millóns de euros pero en varias anualidades.
A seguinte traba que se atopou o organismo provincial foi na concesión da licencia imprescindible para poder iniciar as obras. A Xunta tardou 2 anos en conceder a mesma: a Declaración de Impacto Ambiental (DIA). En 2015, a institución remataba a construción das naves, quedando pendente a adxudicación do equipamento e a do modelo de xestión, así como a concesión da licencia de apertura por parte do concello de Castro de Rei para poder poñer en marcha estas instalacións. Pero a entrada do PP Goberno Provincial, que estivo tan só 3 meses, supuxo a paralización da xestión pública do centro. Os populares iniciaron unha concesión demanial destas instalacións para a súa privatización e desvinculación da administración do mesmo.
A finais do 2015, o actual Executivo da Deputación puido retomar o modelo de xestión pública do centro de recría. Para elo, creou unha Comisión Técnica coa participación de expertos da USC como Francisco Sineiro e Eduardo Yus, que tivo que redefinir a xestión tendo en conta a entrada en vigor no 2016 das novas directrices da Unión Europea que por primeira vez regulan as concesións de servizos das administracións públicas.
Deputación e USC elaboraron uns complexos pregos para unha concesión administrativa con estrito control público a unha entidade con vinculación directa co sector, que tiveron que publicarse ata no Diario Oficial da Unión Europea en cumprimento da nova lexislación vixente.
Tras os prazos de exposición pública, varias entidades concorreron a este proceso de concorrencia competitiva. Unha vez resolto, presentáronse recursos ao mesmo, demorando de novo a apertura do centro. Finalizado con éxito todo este proceso e resolto problemas puntais de saneamento nas instalacións, o centro de recría está listo e con plenas garantías para o seu funcionamento.