O centro de sáude das Pontes estrea o sistema XIDE para as citas médicas

TerraChaXa
O proxecto Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) comeza a funcionar nos centros de saúde das Pontes e Pontedeume.
centro saude as pontes
9 Apr 2022

O proxecto Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) comeza a funcionar nos centros de saúde das Pontes e Pontedeume, na área Sanitaria de Ferrol, para xestionar citas a demanda en Atención Primaria, o que os converte nos primeiros deste distrito en incorporalo.

Segundo explicou a área sanitaria, trátase dun proxecto “para optimizar a xestión das citas a demanda en Atención Primaria”, mediante o que todos os profesionais do equipo participan “de modo interdisciplinar e dentro do seu marco competencial” para dar resposta “ao motivo de consulta ou demanda da cidadanía”.

Respecto diso, inciden as mesmas fontes do Sergas que este sistema “ofrece unha solución máis integral á demanda expresada”. As vantaxes para a cidadanía, engaden, céntranse en que “se evitan citacións intermedias e innecesarias” e para os profesionais “fomenta o traballo en equipo e co desenvolvemento máximo de cada unha das competencias asistenciais dun modo máis resolutivo”.

Para activar este programa o Sergas partiu da base de que sobre “o 50% das consultas non programadas que entran cada día nun centro de saúde non requiren necesariamente a intervención dun médico” e “case un 30% poden ser atendidas de modo directo por persoal de enfermería e outro 15% por categorías como o farmacéutico de primaria ou traballador social ou odontólogo, entre outro.

Así mesmo, outro dos resultados do proxecto piloto refírese á comprobación de que os primeiros postos entre os motivos de consulta para o persoal médico eran actos sanitarios “cun carácter máis burocrático”, como a xestión dalgunhas incapacidades temporais ou a elaboración de informes médicos ou automatizables, co que, considera o Sergas, “encamiñando este tipo de demandas, se modelan os tempos para poder orientalos ás demandas de asistencia necesaria”.

0.16268086433411