O centro integral de atención ao TEA de Friol abrirá as súas portas a finais de 2026

O centro integral para a atención a persoas con trastorno do espectro autista (TEA) situado en Friol abrirá as súas portas a finais do ano 2026. Así o anunciou a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, na Comisión de Sanidade, en resposta ao PPdeG.
Explicou que está previsto que as obras rematen en xuño de 2026 e unha vez completado o equipamento do centro, espérase que poida comezar a súa actividade nos últimos meses do ano.
Este novo recurso, pioneiro en España, suporá, segundo Abeijón, unha verdadeira “revolución” na atención ao autismo, tanto polos recursos dispoñibles como polos “novos enfoques” que se introducirán. Por iso, será un centro “referente a nivel estatal neste ámbito”.
O proxecto, que estará xestionado por Aspanane, contará cun edificio de 3.200 metros cadrados distribuídos en catro plantas. O soto albergará os servizos comúns, como a cociña, lavandería, vestiarios, garaxe e salas de instalacións. Na planta baixa situaranse os talleres, unha aula de psicomotricidade, salas de reunións e as áreas administrativas. As dúas plantas superiores acollerán tres módulos autónomos de oito persoas por planta, cunha capacidade total para 48 usuarios, e algúns módulos estarán destinados ao respiro familiar.
Durante a presentación deste edificio, no mes de febreiro, déronse a coñecer datos sobre a incidencia do autismo. Así, en Galicia estímase que hai unhas 27.000 persoas con este trastorno, e segundo estudos recentes, unha de cada 50 persoas en España pode presentar trastorno do espectro autista.