O Centro Internacional da Torneiría da Casa Reitoral de Xermade abrirá as súas portas na primavera de 2026

TerraChaXa
O inmoble rehabilitado acollerá na planta baixa unha ampla sala de usos múltiples, concibida para a celebración de actos, reunións, espectáculos e todo tipo de eventos
centro-torneria-xermade
26 Jan 2026

O Concello de Xermade vén de xustificar diante do Instituto de Transición Xusta a execución do 60% das obras contempladas no proxecto de rehabilitación da Casa Reitoral para transformala nun Centro Internacional da Torneiría. Tanto a execución da obra como os honorarios técnicos están financiados ao 100% cunha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun investimento que supera os 400.000 euros.

Segundo avanzou o goberno local, a previsión é que o novo centro poida inaugurarse na primavera de 2026, unha vez finalicen os últimos traballos pendentes. Na actualidade, a intervención atópase practicamente rematada, á espera da colocación dalgún mobiliario e da dotación de contido ao edificio. Tamén resta completar o acondicionamento exterior, xa que, aínda que xa se crearon zonas de aparcadoiro, empedrados e unha lámina de auga, será necesario agardar a que melloren as condicións meteorolóxicas para finalizar a xardinaría.

O inmoble rehabilitado acollerá na planta baixa unha ampla sala de usos múltiples, concibida para a celebración de actos, reunións, espectáculos e todo tipo de eventos, mentres que na parte superior se habilitou un espazo expositivo destinado a mostrar pezas de torneiría. Este andar superior, de nova construción e cunha superficie aproximada de 40 metros cadrados, permitirá contar cunha exposición permanente e tamén albergar mostras itinerantes cando non estean de xira.

O alcalde de Xermade, Roberto García, destacou a importancia dunha obra que considera clave para o municipio, tanto polo seu valor cultural como polo seu potencial dinamizador. Subliñou ademais que a rehabilitación respectou os criterios de Patrimonio, conservando elementos orixinais do edificio como as vigas, a escaleira de pedra ou antigos elementos tradicionais, lembrando que o proxecto foi recoñecido polo Miteco.

O futuro Centro Internacional da Torneiría nace coa vocación de converterse nun espazo de referencia para esta artesanía, moi arraigada en Xermade, ofrecendo por primeira vez un lugar estable para a súa divulgación ao longo de todo o ano e evitando as limitacións que ata agora supuña a celebración de exposicións ao aire libre condicionadas pola meteoroloxía.

⚙ Configurar cookies
0.077571868896484