O Centro Internacional da Tornería de Xermade recibe un premio do Miteco

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) celebrou este xoves o acto de presentación de resultados do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), un encontro institucional no que se fixo balance do despregamento de investimentos públicos orientados á transición ecolóxica e outorgáronse 39 recoñecementos a entidades que destacaron na súa execución.
Entre eles destaca o Concello de Xermade polo desenvolvemento do seu proxecto para crear o Centro Internacional da Tornería, un espazo dixital cunha formulación innovadora de divulgación, investigación e creación ao redor do oficio tradicional da tornería, "o que supón a abordaxe e integración de varias liñas de actuación do Miteco".
A xornada, celebrada no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, estivo presidida pola vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, quen abriu o acto e fixo entrega dos galardóns.
A vicepresidenta Aagesen destacou o papel protagonista do Miteco na implementación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Subliñou que o ministerio cumpriu “todos os fitos e obxectivos fixados en 2020 de maneira rigorosa”, e precisou que xestionou o 27% dos 80.000 millóns de euros do plan, cun 96% do orzamento xa mobilizado e preto do 70% adxudicado.
Aagesen insistiu en que “o principio que rexe a acción do ministerio é claro, e dio a ciencia: cada euro investido supera con fartura o custo da inacción”. Neste sentido, reivindicou o valor estratéxico dos investimentos executados e a súa contribución á transformación ecolóxica e social do país.
Por último, afirmou que xa se están alcanzando resultados significativos e asegurou que o Goberno vai continuar desenvolvendo novas liñas de actuación. “Queremos reforzar os eixos que funcionaron e aproveitar ao cento por cento os fondos do PRTR”, sinalou no seu discurso de apertura.
"O Plan de Recuperación está a transformar o noso país cun modelo máis sostible, máis xusto e resiliente. E faio grazas a quen estás no territorio liderando estes proxectos con innovación, compromiso e visión de futuro", dixo. O Miteco xestiona a través do PRTR máis de 23.280 millóns de euros en investimentos destinados ao fomento das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a mobilidade sostible, a mellora da xestión da auga, a preservación de ecosistemas ou o impulso á economía circular, entre outras áreas estratéxicas. Estes investimentos articúlanse a través de 13 compoñentes do Plan e permitiron financiar miles de actuacións con impacto directo sobre o territorio e a cidadanía.