O Centro Ocupacional celebrou 25 anos de inclusión e aprendizaxe

TerraChaXa
Aínda que a data oficial é en decembro, decidiron adiantar os festexos para coincidir coas festas patronais, coas que colaboran todos os anos
centro-de-ocupacion-vilalba2
5 Oct 2025

O Centro Ocupacional Vilalba–Terra Chá celebrou durante as festas de San Ramón os seus 25 anos de historia cun acto moi emotivo na Casa da Cultura, cheo de lembranzas, recoñecementos e gratitude a todas as persoas que formaron parte deste proxecto ao longo de dúas décadas e media.

Aínda que a data oficial de aniversario é en decembro, decidiron adiantala porque este colectivo participa todos os anos activamente nas festas e quería ter un marco especial para esta celebración. Un vídeo e unha exposición fotográfico resumen o que é e o que significa para Vilalba este proxecto de vida.

O centro botou a andar en decembro do ano 2000, nun local municipal situado en Os Freires, e fíxoo cun obxectivo claro: “Proporcionar un entorno adecuado para o desenvolvemento persoal das persoas adultas con diversidade funcional da comarca da Terra Chá”, lembra Belén Varela Leal, directora do servizo.

Dende aquela, o cambio foi enorme. “Comezamos con 13 usuarios e un único obradoiro, o de serigrafía. Agora contamos con 32 persoas usuarias, unhas instalacións modernas e tres obradoiros: serigrafía, carpintaría e xardinaría con horticultura terapéutica”, explica Varela, quen destaca que o novo edificio, no que levan xa 20 anos, permite desenvolver moitas máis actividades e proxectos.

A xornada no centro organízase entre as dez da mañá e as cinco da tarde. Os usuarios xantan alí e participan en quendas de traballo nos diferentes obradoiros, ao tempo que se programan actividades deportivas, de estimulación cognitiva e de axuste persoal. “A nosa finalidade é posibilitar o desenvolvemento ocupacional, persoal e social das persoas atendidas para superar os obstáculos que a discapacidade lles supón á súa integración social e laboral”, resume a directora.

No día a día, o centro atende persoas chegadas de distintos puntos da comarca, como Vilalba, Guitiriz, Xermade, Cospeito, Lourenzá ou Mondoñedo. Para facelo conta cun equipo técnico interdisciplinar formado por unha psicóloga, unha psicopedagoga especialista en audición e linguaxe, tres profesores de obradoiro e unha coidadora.

As actividades non se limitan ás rutinas diarias. Durante o ano celébranse saídas e programas extraordinarios, pensados sobre todo para cubrir as necesidades de ocio das persoas usuarias. “Facemos de todo: serigrafía tradicional e agora tamén impresión dixital, traballos en madeira e a venda de plantas e produtos dos nosos invernadoiros. Os nosos clientes son particulares, empresas e tamén entidades públicas e privadas”, explica Belén Varela.

O centro, ademais, ten unha forte vinculación coa vida social e cultural da vila, participando na elaboración de decoracións, premios ou iniciativas.

De cara ao futuro, o obxectivo é seguir avanzando na inclusión. “Queremos visibilizar o que as persoas con diversidade funcional poden aportar á sociedade, tanto colectivamente como a nivel individual”, sinala a directora. Para iso, entre os proxectos máis inmediatos está consolidar a produción de impresión dixital, ampliar o mercado dos produtos de carpintaría e continuar mellorando a calidade de vida das persoas usuarias.

O sostemento do centro chega a través do concerto social coa Xunta de Galicia, das achegas do Concello de Vilalba, subvencións públicas e privadas, a contribución das familias e a venda dos produtos que elaboran nos obradoiros. Pero, máis alá da parte económica, o motor deste proxecto son as persoas. “O centro é hoxe unha realidade viva grazas ao compromiso dos profesionais, das familias e sobre todo dos nosos usuarios, que nos amosan cada día que a inclusión é posible e necesaria”, conclúe Varela.

⚙ Configurar cookies
0.089961051940918