O Cercud, á salvagarda do Castiñeiro de Baamonde
O Cercud de Baamonde recibirá unha subvención de 3.650 euros da Consellería de Medio Ambiente ao abeiro da orde de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
O Servizo de Patrimonio Natural valorou en prioridade máxima (1 sobre 4) as actuacións plantexadas no Castaño de A Capela, máis coñecido como Castiñeiro Milenario ou Castaño de Baamonde situado no atrio da Igrexa de Baamonde.
Este castaño, de especie Castanea sativa, ten unha idade aproximada de máis de 500 anos e conta con 13 metros de altura e 11 de diámetro de copa. Aos seus pés pasa o Camiño Norte de Santiago.
50 aniversario
Este castiñeiro salvouse de converterse en achas, nas obras de ampliación e mellora da estrada Nacional VI no ano 1971, grazas á intervención de Víctor Corral.
O escultor encerrouse dentro do oco que albergaba o exemplar, limpou e saneou o seu interior deixando no oco interior do castiñeiro o seu sinal, un bonito altar no que tallou á Virxe do Rosario, patroa de Baamonde.
Os medios de comunicación fixéronse eco desta curiosa fazaña e foi tal o balbordo que se organizou, que o castiñeiro non puido ser cortado, quedando como un auténtico monumento vivo digno de toda admiración. Víctor Corral seguiuno coidando e en cada unha dos seus engurras que formou o tempo, tallou con gran coidado pequenos detalles de animais, mans, etc.
Outras actuacións
O Cercud tamén solicitou unha axuda a Deputación de Lugo ao abeiro das subvencións destinadas ao desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico da Reserva da Biosfera Terras do Miño.