O Cercud pide a cesión do parque infantil do colexio de Baamonde e beirarrúas
A directiva do Centro Recreativo Cultural e Deportivo de Baamonde (Cercud) enviou unha solicitude ao Concello de Begonte na que pide a cesión do parque infantil do antigo colexio de Baamonde para a praia fluvial así como tamén a construción de beirarrúas ao longo da praia.
"Fai catro anos rogamos a creación dunha senda peonil entre o casco urbán e a praia fluvial, e pese o silencio administrativo, logrouse a consecución das beirarrúas entre a N-VI e o muíño. Despois de solicitar fai dous anos a súa continuación, cun novo silencio administrativo, volvemos repetir dita petición", explican.
Nesta solicitude vai a continuación das beirarrúas ao longo do perímetro da área recreativa para conectar coas rutas de sendeirismo existentes, e a mellora da pista paralela á zona de baño do río Parga "que proporcionaría maior seguridade aos viandantes (veciños/as, visitantes, scouts, peregrinos/as), aos bañistas da praia fluvial (na gran maioría nenas/os)", explican.
Tamén engaden unha vella demanda, o desenterramento da cara norte do muíño; un símbolo etnográfico histórico, cultural e patrimonial.
Indican que o Concello de Begonte pode acollerse ás distintas axudas e subvencións en concorrencia competitiva, de Turismo, Medio Ambiente da Xunta (esta anualidade potenciadas polos fondos NextGeneration da Unión Europea) e para conseguilas "contarían cunha elevada puntuación dada a súa situación en pleno Camiño Norte de Santiago, ademais de estar situado en Rede Natura 2000, ZEC Parga-Ladra-Támoga e Reserva da Biosfera Terras do Miño", indican.
Por outra banda, "ante o desmantelamento do CEIP de Baamonde", solicitan a cesión do parque infantil para o seu traslado á praia fluvial de Baamonde.
O parque, financiando integramente pola Deputación de Lugo só puido ser desfrutado polos pícaros dous cursos escolares. Este curso non pode ser utilizado ao estar as instalacións pechadas.