O Cercud pon en valor o patrimonio coa apertura do Muíño do Pan de Baamonde

O soño de recuperar o histórico Muíño do Pan de Baamonde fíxose realidade este sábado da man do Cercud e coa implicación de numerosas entidades e veciños. O vello muíño de Cageao, que levaba máis de corenta anos pechado, volve agora á vida convertido nun centro de interpretación que forma parte da Rede Museística de Galicia e que permitirá coñecer de preto a tradición muíñeira e a relación da veciñanza co río Parga e coa natureza que o rodea.
A xornada inaugural reuniu numeroso público e contou coa participación de moitos dos impulsores do proxecto, e o actual presidente da entidade, Moncho Parapar, quen salientou o “enorme esforzo físico e emocional” que supuxo devolver a este espazo a súa antiga vida. “Non só recuperamos unha infraestrutura, senón unha parte da nosa memoria colectiva, do traballo e da cultura do pan e do río”, subliñou Parapar, visiblemente emocionado.
A restauración do muíño foi posible grazas á colaboración de múltiples mans: desde a Deputación de Lugo e o GDR Terra Chá, que participaron na recuperación da cuberta e das paredes, ata a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio e da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que apoiaron a restauración e a creación do documental A memoria viva do Muíño do Pan de Baamonde.

O xefe territorial de Cultura, Manuel Antonio Fernández Piñeiro, destacou durante o acto que o proxecto é “un exemplo práctico de como se pode conservar o patrimonio e revitalizar o rural ao mesmo tempo”, e puxo en valor o papel das comunidades locais na defensa da súa identidade.
Tamén participou Purificación Martul, directora do Terras do Miño, quen incidiu na importancia de cumprir coas expectativas da Reserva da Biosfera: “Este proxecto é unha aposta polo turismo sostible e polo desenvolvemento económico ligado á cultura e á memoria do territorio”.
O acto inaugural contou cunha visita guiada a cargo do actor e humorista Carlos Jiménez, quen, cun ton entre didáctico e emotivo, fixo un percorrido polas historias do lugar acompañado de veciños como José Antonio López Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que tamén se comprometeu a apoiar futuras accións de posta en valor do río.
A apertura culminou cunha homenaxe a Antonio Ares, antigo muiñeiro e neto do fundador do muíño, representado por unha figura a tamaño real instalada no interior. O seu fillo Carlos Ares lembrou a historia familiar: “O meu avó chegou de Cuba en 1912 e comprou este muíño, que alimentou xeracións enteiras. Hoxe, ver como renace é unha emoción enorme”.
O Muíño do Pan de Baamonde poderá visitarse de martes a venres, con entrada libre, e inclúese xa na programación divulgativa da Rede Museística Galega. Co seu regreso, Baamonde recupera non só un espazo de memoria, senón tamén un símbolo vivo do traballo, da identidade e da creatividade rural galega.