O Certame Literario celebra este venres 50 anos cunha gala no auditorio

TerraChaXa
Andrea Fernández Maneiro físoxe co galardón, dotado 7.000 euros, entre un total de 27 obras presentadas
andrea-fernandez-maneiro
Andrea Fernández
29 Ago 2024

Andrea Fernández Maneiro é a gañadora da 50 Edición do Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra Meridiano Orixe - A raposa que anda aos girlhos.

O premio entregarase no acto principal das festas, a gala na que tamén se lerá o pregón e que este ano ten un cariz especial ao cumprir este medio século de vida.

A gala será no auditorio, ás 19.00 horas, e contará con numerosos artistas como Entre Lusco e Fusco, Corredores de Sombra, a Banda de Música e a Minibanda, Movemento Vilalba e o alumnado da escola de Teatro.

Con motivo deste 50 aniversario o Concello quixo facer mención a todos e cada un dos gañadores desta cita cultural coa lectura do poema gañador a través dun persoeiro da vida cultural e social do Concello.

Así e ata o día da entrega foron publicándose estes nas redes sociais municipais co obxectivo de poñer de relevo este certame.

Baixo a presidencia da Concelleira de Cultura Tamara Rodríguez e actuando como secretaria a técnico de Cultura Sonia García Paredes, o xurado formárono a escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé; Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; e Fidel Fernán, director do grupo de Radio Principal.

Andrea Fernández Maneiro, nada en Carril-Vilagarcía de Arousa (10/2/64) é locutora de radio “de vocación e profesión”. Traballou na Cadena Ser, na Radio Galega e varias municipais, mais agora só exerce moi de cando en vez e “padece do mono das ondas de xeito persistente”, logo de máis de quince anos de deixalo.

O seu hábitat natural é a poesía, en letra e imaxe aínda que ás veces déixase levar polo microrrelato.
Andrea Fernández recibirá como premio 7.000 euros e a publicación do poemario, que tivo que competir con outras 27 obras presentadas.

Esta autora ten varios premios no seu haber por obras anteriores, entre os que figuran o Torre de Caldaloba do 2021, o Manuel Leiras Pulpeiro do 2020 ou o Eduardo Pondal. Tamén foi segunda no Premio Vilariñas do 2020 e finalista doutras moitas citas.

 A historia en 50 poemas

  • 1975: Antífona de Galiza Presentida. Galiza Salmo da voz pra darse, de Xabier Rodríguez Barrio.
  • 1976: Elegía Miguel Hernández, de Xesús Álvarez Paredes.
  • 1977: A Emigrante, de Manuel Rodríguez López.
  • 1978: Ábrelle a porta ó día, de Darío Xohán Cabana.
  • 1979: Paz e Palabra, de María del Pilar Campo Domínguez.
  • 1980: Ode Chairega, de Darío Xohán Cabana.
  • 1981: Elexía en tempo de antroido, de Félix Vergara Vilariño.
  • 1982: Pedra de Compostela, de Darío Xohán Cabana.
  • 1983: Chaira no corazón, de Darío Xohán Cabana.
  • 1984: Estancias do regreso, de Darío Xohán Cabana.
  • 1985: A lenda dos alendeiros, de Federico Jiménez Asenjo.
  • 1986: Sonetos para enchelo baleiro da túa ausencia, de Fiz Vergara Vilariño.
  • 1987: Senoras do pasado, de Darío Xohán Cabana.
  • 1988: Homenaxe e elexía a Álvaro Cunqueiro, de Darío Xohán Cabana.
  • 1989: Pastora de sorrisos, de Fiz Vergara Vilariño).
  • 1990: Amor en teoloxía, de Helena Villar Janeiro.
  • 1991: A terra, o tempo e os visitantes, de Manuel Xosé Neira López.
  • 1992: A mi príncipe azul, de Verónica Cernadas Arcas.
  • 1993: Sonetos de amor e morte, de Darío Xohán Cabana.
  • 1994: Animal sen fel, de Fiz Vergara Vilariño.
  • 1995: Luz de solpor na Terra Chá, de Miguel Anxo Fernán Vello.
  • 1996: Cos pés na chaira e un canto na alba, de Xosé Neira López.
  • 1997: Diante dunha Foto na Prensa dun Mozo Asasinado, de María del Pilar Campo Domínguez.
  • 1998: Catro lúas e a da morte, de María del Pilar Campo Domínguez.
  • 1999: Que eu non daría por un sorriso teu, de Baldomero Iglesias Dobarro.
  • 2000: Materiais do Campo, de María del Pilar Campo Domínguez.
  • 2001: Na soidade charamuscas, de noutrora me visitan, de Baldomero Iglesias Dobarrio.
  • 2002: O derradeiro heredeiro, de Xoán Neira López.
  • 2003: Señor, as túas pupilas som moi azuis, de Vicente Ferreiro González.
  • 2004: Semántica desorde, de Pablo Bouza Suárez.
  • 2005: Diário dun ser perdido, de Martiño Maseda.
  • 2006: Vilalba, de Baldomero Iglesias Dobarrio.
  • 2007: Codias Canda Min, de María Goretti Fariña Caamaño.
  • 2008: Atafegando o Asfalto, de Xosé Otero Canto
  • 2009: Ingrávido Signo, de Pablo Bouza Suárez.
  • 2010: Na Intimidade do Azougue, de Pablo Bouza Suárez.
  • 2011: Río Alzheimer, de Carlos Pereira Martínez.
  • 2012: Quenda da Catividade, de Xoan Xosé Piñeiro Cochón.
  • 2013: Os Privilexios dos Somnámbulos, de Pablo Bouza Suárez.
  • 2014: Abrindo Fiestras en Carne Viva, de Carlos López Fernández.
  • 2015: Adagio por Outono, de Modesto Fraga Moure.
  • 2016: Telúrica, de Xosé Otero Canto.
  • 2017: Antídoto, de Emma Pedreira Lombardía.
  • 2018: Cartafol de Miraxes, de Aleixandre Lago Barcala.
  • 2019: Poema da Rúa das Aves, de Xosé Miguel Barrera Vázquez.
  • 2020: Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá Pérez.
  • 2021: Retorno sen Volta, de Xosé Lastra Muruais.
  • 2022: As feridas dun amor efémero, de Jesusa Camaño.
  • 2023: Cartas de Conxo (O legado das Távora), de Xurxo Alonso.
  • 2024: Meridiano Orixe (A raposa que anda aos girlhos), de Andrea Fernández Maneiro.

CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE

0.17742300033569