O certame Vilariñas conta xa con novos gañadores
O xurado dos premios do Certame Vilarinhas 2023, na que é a súa VII edición, fixo públicos os gañadores categoría adultos, así como os da escolar, na súa primeira edición. O fallo dase a coñecer durante a celebración do Día das Letras Galegas.
Así, na categoría de adultos o primeiro premio foi para Susana González Lago e o segundo para Víctor Echevarría Bastos (Fazideias).
A categoría escolar dividiuse en dúas categorías. No IES Díaz Castro de Guitiriz os premios foron para Darío López López na de 12 a 15 anos e Lía Santamariña Iglesias na de 15 a 18.
No IES Basanta Silva de Vilalba Helena Hang Fernández Quintela gañou na categoría para menores de 15 e Antía López Martínez na de maiores.
A categoría do CEIP Lagostelle de Guitiriz (até 12 anos) vai fora de concurso e as Vilarinhas deste centro serán expostas na Casa Habaneira de Guitiriz no III Festival de Poesía Guitirica.
As Vilarinhas do resto de categorías serán expostas nas carolas de Guitiriz dentro das actividades do III Festival de Poesía Guitirica, entidade encargada da organización deste certame.
Os premios (figura da artista Viki Rivadulla) serán entregados na clausura do III Festival de Poesía Guitirica (8 e 9 de xullo) co Premio Díaz Castro de Poesía.
Máis de 200 micro-poemas Vilarinhas con imaxe na participación desta VII edición que consolidan este certame como unha referencia en Galiza na micro-poesía.
Dende a Nova Poesía Guitirica NPG mostraron "o noso agradecimento aos xurados das respectivas categorías e a todos cantos participaron e tamén os nosos parabéns aos poetas premiados".