O CHMS mellorará o saneamento e a depuración en Guitiriz

TerraChaXa
O investimento estimado superará os 240.000 euros e acturares e no tramo final do saneamento do río Veiga e a súa conexión á EDAR.
CONVENIO GUITIRIZ chms
19 Mar 2022

O investimento estimado superará os 240.000 euros, que serán sufragados polo Estado, a través da CHMS, nun 80% e, o 20% restante, pola Administración local. Actuarase no tramo final do saneamento do río Veiga e a súa conexión á EDAR do municipio, para evitar desbordamentos.

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz, rubricaron onte o Convenio de colaboración a través do que se executarán novas actuacións na rede de saneamento e na EDAR do municipio lucense de Guitiriz.

O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións que rexerán a execución das obras e instalacións necesarias, a posta ao dispor dos terreos e o réxime da posterior entrega ao concello para o seu mantemento e conservación.

As obras consistirán na mellora do tramo final do saneamento do río Veiga na súa conexión coa EDAR de Guitiriz para evitar o seu desbordamento, así como a remodelación da obra de chegada á mesma para incorporar un pozo de grosos e un desarenador.

A CHMS será a encargada a licitación, adxudicación e xestión dos contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución das actuacións contidas no Convenio, para ser entregadas ao Concello, encargado da súa explotación, mantemento e conservación de maneira provisional, ata a tramitación da mutación demanial.

Estas actuacións complementarán e mellorarán as xa executadas pola CHMS no ano 2018, a través das que se eliminou o colector do río Veiga, que discorría polo propio leito, e construíuse un novo colector fóra de DPH e un tanque de tormentas á entrada da EDAR existente.

O investimento estimado superará os 240.000 euros, que serán sufragados polo Estado, a través da CHMS, nun 80% e o 20% restante pola Administración local.

Marisol Morandeira agradeceu a José Antonio Quiroga “a predisposición que sempre mostrou a Confederación Hidrográfica cada vez que chamamos á súa porta” e explicou que “este proxecto incidirá directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas de Guitiriz, mellorando un servizo tan importante como o saneamento”.

“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan” concluíu o presidente.

0.19350099563599